ANUNCIA NOVAS INICIATIVAS NO CONGRESO PARA AS MATERIALIZAR

Néstor Rego lamenta que os orzamentos do Estado non contemplasen as "demandas históricas da Coruña"

I
I
“Os orzamentos xerais do Estado para 2021 non lle deron cabida ás demandas históricas da Coruña e o seu debate deixa nun mal lugar os deputados e deputadas galegos do PSOE e Unidas Podemos que non tiveron a decencia de defender esas reivindicacións no Congreso e que tampouco foron quen de dar o seu voto ás nosas emendas”, afirmou hoxe na Coruña o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Néstor Rego lamenta que os orzamentos do Estado non contemplasen as "demandas históricas da Coruña"

“A partir de agora, imos continuar a traballar en positivo e a apresentar iniciativas que contemplen a materialización desas demandas históricas”, anunciou a seguir o parlamentar nacionalista, quen compareceu perante os medios canda Francisco Jorquera, voceiro do BNG en María Pita, nun acto informativo convocado para avaliaren o debate das emendas parciais formuladas pola formación nacionalista ás contas xerais do Estado para 2021.

Explicou Rego que os orzamentos do Estado discriminan Galiza en xeral e A Coruña, a cidade e a comarca, en particular. “Xa non é só que se destinen 400 millóns para a condonación da débeda do porto de Valéncia e cero euros para a do porto da Coruña, xa non é só que se orzamenten 140 millóns para o acceso sur ao porto de Castelló e cero euros para o enlace ferroviario a Punta Langosteira, é que, alén diso, se consignan 1.500 millóns para a modernización dos servizos ferroviarios de cercanías no conxunto do Estado e desa cantidade virán cero euros para A Coruña e cero euros para Galiza, pola sinxela razón de que no noso país non temos servizos ferroviarios de cercanías”, denunciou o portavoz nacionalista.

O BNG si que se preocupou de levar ese asunto ao Congreso en forma de emendas aos orzamentos. “Infelizmente foron votadas en contra pola bancada do PSOE e de Unidas Podemos”, alegou Rego.

Entre o paquete de iniciativas que “nas próximas semanas e meses” formulará o BNG no Congreso en relación á nosa cidade e comarca, o portavoz nacionalista referiu as relativas á modernización das liñas ferroviarias A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo, a conexión por camiño de ferro con Punta Langosteira –“crucial para que o porto exterior sexa viábel, non o será se non se conecta coa rede ferroviaria e logo co corredor atlántico de mercadorías”- ou o establecemento de compensacións económicas para as mariscadoras que se verán obrigadas a cesar nas súas actividades extractivas por mor das obras de dragaxe da Ría do Burgo.

“Todas estas, alén da condonación da débeda do porto, son propostas fundamentais para o desenvolvemento económico e social da Coruña. Puideron ter ido avante xa desta volta se se aprobasen as nosas emendas aos orzamentos. Non foi posíbel pola falta de sensibilidade mostrada por PSOE e Unidas Podemos”, engadiu Rego, quen recalcou que “se o BNG calase, ninguén defendería os dereitos deste país”. “Estou seguro de que o ano que vén o van pensar dúas veces [PSOE e Podemos] antes de enviar á cámara uns orzamentos tan negativos para Galiza e para A Coruña”, afirmou.

Por súa parte, Jorquera puxo en valor as emendas do BNG –reclamaban un incremento de 300 millóns de euros nos investimentos do Estado na nosa cidade e comarca- e remarcou que as propostas nacionalistas de mellora das contas do Estado puxeran “nerviosos a máis dun voceiro doutros partidos”.

Nervios que, esclareceu, derivan do feito de que non é posíbel xustificar por que se di non á condonación da débeda do porto da Coruña, ao acceso ferroviario a Punta Langosteira ou á modernización das liñas ferroviarias “que nos unen con Lugo e Ferrol” e, en troca, se diga si á liquidación do débito do porto de Valéncia ou se apoie o acceso por camiños de Ferro á dársena de Castellón.”

“O BNG non di unha cousa aquí e a contraria en Madrid”, concluíu Jorquera.

 

Néstor Rego lamenta que os orzamentos do Estado non contemplasen as "demandas históricas da Coruña"