MOBILIDADE

Solucionemos os problemas de mobilidade nos barrios da Coruña e na comarca

Un momento da reunión celebrada esta mañá onde se nos trasladaron os problemas de mobilidade da cidade
Un momento da reunión celebrada esta mañá onde se nos trasladaron os problemas de mobilidade da cidade

Ana Pontón traslada o seu apoio ás asociacións veciñais da Coruña que reclaman un plan de mobilidade para os barrios

Pídelle á Xunta “que cambie o chip” porque o Goberno de Feixóo leva nove anos perdidos en materia de transporte metropolitano

Solucionemos os problemas de mobilidade nos barrios da Coruña e na comarca

A nosa portavoz nacional, Ana Pontón, e a nosa portavoz municipal no concello da Coruña, Avia Veira, mantiveron un encontro con directivos da Asociación veciñal do Ventorrillo e As Atochas-Monte Alto-A Torre, en relación ás demandas de mobilidade dos barrios da cidade que, segundo explicou o presidente desta última, Alberte Fernández, son compartidas por unha ducia de entidades veciñais máis da Coruña.

Deste xeito, Ana Pontón puxo en valor as propostas presentadas por nós na cidade “porque é urxente un plan de mobilidade que responda ás necesidades da veciñanza en cuestións tan básicas como a comunicación cos centros hospitalarios, coas áreas empresariais, coa universidade e que tamén facilite a comunicación entre os distintos barrios”, salientou, unha cuestión á que os distintos gobernos locais non foron capaces de solucionar pero na que tamén ten que implicarse o Goberno galego.

Mellorar a mobilidade tamén require que a Xunta cambie o chip, porque o transporte metropolitano fai augas por todas partes e levamos nove anos perdidos en materia de política de transporte público en Galiza.

En consonancia co traballo que estamos desenvolvendo na Coruña, a nosa portavoz nacional considera esencial responder ás demandas veciñais de mobilidade cos centros hospitalarios e cos  polígonos empresariais, posto que se trata de servizos tan básicos como o acceso á saúde, -tendo en conta ademais o factor do envellecemento da poboación-, e ao centro de traballo, -que obriga a desprazarse a milleiros de persoas fora dos barrios-.

Momento da rolda de prensa de Ana Póntón e Alberte Fernández, Presidente da A.VV. Monte Alto

Ningunha persoa deber ver coartada a súa mobilidade polo feito de non ter vehículo privado, que hoxe en día para moitos traballadores e traballadoras é un artigo de luxo. Asemade, apostamos por unha visión de cidade onde a persoa vaia ganando o espazo público en detrimento do coche,  e para iso é esencial un transporte de calidade que responda ás necesidades da veciñanza.

Tras o encontro cos representantes veciñais, Ana Pontón indicou que as demandas da veciñanza dos barrios son “cuestións fundamentais, carencias de fondo ás que hai que dar unha solución cun plan de mobilidade para A Coruña e a súa área metropolitana modernizando o concepto de mobilidade, tamén no conxunto de Galiza porque, en xeral, temos un sistema de transporte que responde a esquemas do pasado sen adaptarse ás demandas e necesidades actuais da poboación”.

Segundo nos explicou propio a o presidente da AAVV As Atochas-Monte Alto-A Torre, Alberte Fernández, até unha ducia de entidades veciñais comparten as mesmas demandas en materia de mobilidade, e queren que o concello da Coruña e os da área metropolitana así como a Xunta poñan en marcha un plan de transporte actualizado. Entenden que é unha cuestión clave para mellorar a vida das persoas e tamén suporía un beneficio económico para a cidade herculina, facilitando a implantación de empresas.

 

A Coruña, 22 de febreiro 2018.