Tres mocións e tres preguntas orais no primeiro pleno do mandato

Un momento da presentación da candidatura do BNG ás pasadas eleccións municipais.
Un momento da presentación da candidatura do BNG ás pasadas eleccións municipais.
Tres mocións e tres preguntas para a súa resposta oral por parte do executivo coruñés son as iniciativas que o grupo municipal do BNG vai defender no primeiro pleno ordinario do mandato, que se vai realizar este xoves 12 de setembro no Pazo de María Pita.
Tres mocións e tres preguntas orais no primeiro pleno do mandato

Coa primeira das mocións rexistradas, asinadas polas nacionalistas xa á altura do 17 de xullo, o BNG insta o goberno municipal a impedir que as catro vivendas baleiras da coñecida como Torre dos Mariñeiros, propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, sexan postas en venda. O Bloque pretende que o goberno local negocie coa TXSS para obter a cesión debalde desas moradas con vistas a destinalas a engrosar o parque de vivendas  públicas de aluguer.

Coa segunda das mocións en orde de rexistro, esta foi selada o 4 de setembro, o BNG pretende o apoio da Corporación para o concello reclamar xudicialmente a restitución ao espazo público da titularidade da Casa Cornide, na actualidade en mans da familia Franco, ben como tamén para a administración local comparecer no procedimento xudicial aberto para a recuperación do Pazo de Meirás.

Completa o capítulo das mocións unha iniciativa rexistrada o 10 de setembro a medio da cal o BNG empraza o goberno municipal a que exprese o seu apoio ás traballadoras e traballadores das empresas auxiliares de R afectados pola deslocalización de servizos decretada pola compañía. O goberno local debe intervir, alentando a negociación entre a operadora e o cadro de persoal, con dous obxectivos básicos: que os servizos non se deslocalicen e fiquen na Galiza e que se garanta o mantimento da atención ás persoas usuarias na lingua do país.

Canto ás perguntas orais, o BNG inquerirá ao goberno municipal sobre o mal funcionamento da planta de Nostián, ben como tamén acerca dos seus planos para a posta en marcha dun programa de bolsa da vivenda en réxime de aluguer e en relación ás solucións que pensa arbitrar para, no primeiro ano de mandato, “darlle a mellor solución legal e laboral posíbel á situación do persoal das bibliotecas municipais co obxectivo de unificar a rede através da xestión directa”.