INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO XOVES 4X

Unha moción para o Concello se comprometer co galego e para que inste a Xunta a que mude de política lingüística

20200302_114809
Moito por normalizar aínda

O grupo municipal do BNG presentou unha moción para o Concello se implicar activamente na normalización do galego, a impulsar campañas para a súa promoción entre a infancia e a mocidade, e á vez para que o Goberno Local inste a Xunta a que poña en marcha políticas tendentes a lograr a recuperación de persoas galegofalantes.

Unha moción para o Concello se comprometer co galego e para que inste a Xunta a que mude de política lingüística

A moción, que será defendida por Avia Veira no pleno do vindeiro xoves 4X, tenciona tamén o apoio da Corporación para que a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, o autor ao que se dedica a presente edición do Día das Letras Galegas, se estenda até 2021, dado que a crise do coronavirus non ten permitido que o escritor ferrolán e notábel investigador da nosa lingua recebese este ano o tributo que merece polo súa obra.

"Desde o BNG, alén de estarmos preocupadas pola saúde e a sanidade pública, pola saúde económica do país, estamos tamén moi seriamente preocupadas pola saúde da lingua galega e polo seu prognóstico", explica Avia Veira. Un prognóstico, engade, que "non é moi bon se nos atemos aos datos que nos fornecen entidades públicas como o Instituto Galego de Estatística, o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega".

Abonda con estes datos para ilustrarmos a situación: en 2008 25% dos nenos e das nenas de entre 5 e 14 anos aprenderan a falar na nosa lingua. 10 anos despois, esa cifra retrocedía até 18%.

"A perda de transmisión xeracional do galego é un feito que pode rematar coa saúde da nosa lingua", entende Avia Veira. "E isto non acontece por casualidade. Non obedece a que os galegos non queiramos a nosa lingua, hai motivos históricos e sobre todo causas políticas que explican por que isto acontece", di. E entre as cousas políticas sobrancea "o feito de que os sucesivos gobernos Feixóo non só non están axudando a que o galego avance e recupere espazos como lingua propia de Galiza, senón que fan o contrario, a impulsar medidas, mesmo lexislativas, que van en detrimento da presenza da nosa lingua na sociedade, e nomeadamente no ensino".

Perante esta situación, o Concello, considera Avia Veira, debe se comprometer na normalización do galego e ese é o sentido que explica a presentación desta moción. O Goberno Local debe instar a Xunta a que mude de actitude e el propio debe implicarse nas tarefas dirixidas á recuperación da nosa lingua na sociedade, a pór en marcha por exemplo campañas de promoción do idioma entre a infancia e a mocidade.

Unha moción para o Concello se comprometer co galego e para que inste a Xunta a que mude de política lingüística