'Mini' pide a nacionalización de Alu Ibérica e unha investigación da súa venda ao Grupo Riesgo

O número 2 da candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza nas eleccións do 12X, Xosé Luís Rivas 'Mini', pediu esta mañá na Coruña a "nacionalización" da antiga Alcoa para garantir o futuro da planta coruñesa e a integridade dos postos de traballo. 'Mini' apoiou a marcha motorizada dos traballadores da factoría da Agrela, como tamén o fixeron Mercedes Queixas, número 3 da lista, e a concelleira Avia Veira.
'Mini' pide a nacionalización de Alu Ibérica e unha investigación da súa venda ao Grupo Riesgo

"Estamos aquí para pedir a nacionalización, a intervención pública de Alcoa", dixo 'Mini' aos medios que acompañaron a marcha motorizada que percorreu o centro da cidade e que circulou até a Subdelegación do Goberno, punto en que o BNG despregou unha faixa de apoio á mobilización. "E estamos aquí tamén para pedirmos unha investigación clara dos trapicheos que se traen estes fondos voitres, de investimento, que non sabemos como operan e que actúan ás agachadas sen cumpriren o acordado", engadiu.

O candidato do BNG esixiu do Ministerio de Industria e da xunta "unha intervención rápida e seria". "Este é un asunto serio, tanto que perigan perto de 500 postos de traballo só en Alcoa A Coruña, mais os que están en serio risco en San Cibrao", afirmou.

Para 'Mini' é "inadmisíbel" que a Xunta estea "desaparecida" a pesar de ter competencias en materia de política industrial. O Goberno galego, denunciou, abdica das súas responsabilidades e non move un dedo mentres o deserto industrial avanza en todo o país.

 

 

 

'Mini' pide a nacionalización de Alu Ibérica e unha investigación da súa venda ao Grupo Riesgo