A memoria de xestión advirte da falta de persoal municipal na área de Xestión Tributaria, en Facenda

A memoria de xestión advirte da falta de persoal municipal na área de Xestión Tributaria, en Facenda

A Coruña, 1 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte da necesidade de que o departamento de Xestión Tributaria, adscrito á Concellaría de Facenda, conte con máis traballadoras e traballadoras, en base ao que recolle a memoria de xestión do Goberno do Sr. Negreira no 2012. E é que o documento oficial, no apartado de Xestión Tributaria (p.240) pon de manifesto que “por primeira vez o tema do persoal asignado ao Departamento de Facenda comeza a ser un problema”. Refírese o documento á falta de persoal, “nos dous últimos anos producíronse xubilacións e ademais realizáronse traslados de persoal a outros servizos municipais, sen que en ningún caso se cubriran as vacantes provocadas”. A memoria de xestión apunta que, a día de hoxe, esta situación supoña que haxa 5 persoas menos no cadro de persoal de Xestión Tributaria, un recorte de persoal dun 20%.

O grave, advirten as nacionalistas, é que o propio informe oficial alerta de que a escaseza de persoal “supón a imposibilidade de manter os niveis de xestión e liquidación dos últimos anos”. Isto significa, apuntan, que a falta de traballadores e traballadoras pode provocar a diminución da recadación de impostos. O departamento que ten como misión a obtención de recursos, fundamentalmente de carácter tributario, que permitan a financiación do orzamento municipal advirte de que non ten persoal de abondo, engade o Grupo Municipal do BNG.

Neste contexto, as nacionalistas anuncian a presentación dunha pregunta para a resposta escrita para coñecer a valoración que fai o Goberno do Sr. Negreira sobre a falta manifesta de persoal na área de Xestión Tributaria e para saber se ten previsto iniciar unha reestruturación que permita dotar este departamento de máis persoal. Ademais, o Grupo Municipal do BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira como ten pensado recadar a mesma cantidade de recursos, fundamentalmente os de carácter tributario, cando se deu unha diminución do 20% no número de traballadores e traballadoras adscritos a Xestión Tributaria.