ROLDA DE PRENSA COMARCAL

A Mancomunidade das Mariñas non é a solución, a nosa aposta é a Área Metropolitana

Rolda
Xurxo Couto toma a palabra durante a rolda
Os grupos municipais do BNG nos concellos integrados no actual Consorcio das Mariñas vanse abster nos plenos en que se vai votar a conversión deste ente nunha Mancomunidade, anunciou este martes a formación nacionalista a través dunha rolda de prensa con presenza da súa responsábel comarcal, Vitoria Louro, e dos voceiros de Cambre, Arteixo, Oleiros e A Coruña, Daniel Carballada, Xurxo Couto, Fran Rei e Francisco Jorquera, respectivamente.
A Mancomunidade das Mariñas non é a solución, a nosa aposta é a Área Metropolitana

En palabras de Daniel Carballada, concelleiro en Cambre, a Mancomunidade —unha sucesión do actual Consorcio cuxa constitución vén obrigada pola normativa estatal—vai ser na práctica un "sindicato de alcaldes", cun funcionamento nada democrático -"en que as e os concelleiros non pintamos nada"- e parte dun sensentido, o da conformación dun ente metropolitano que de inicio non vai ter no seu seo a capital da comarca, a cidade da Coruña.

Nese sentido, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, defendeu que se acelere a materialización dos trámites que leven á creación da Área Metropolitana. Unha vez que no Pleno ordinario do pasado mes de outubro a Corporación coruñesa deu luz verde ao inicio do proceso, do que se trata agora é de superar as "resistencias" do PP e a "falta de decisión" do PSOE para criar un ente, a Área Metropolitana, que si teña a capacidade de comarcalizar servizos como o transporte, a auga e a recolla e tratamento de lixo.

Os voceiros do BNG remarcaron a súa aposta na comarcalización de servizos e Jorquera rotulou como "imprescindíbel" o concurso "do concello da Coruña para articular políticas a escala comarcal". "Hai que vencer a miopía histórica de concebir A Coruña como unha cidade Estado de costas a Galiza e á propia Área Metropolitana", dixo.

Para avanzar na creación da Área Metropolitana cómpre superar as "resistencias" do PP e a "falta de decisión" do PSOE, remarcou Jorquera

O proceso cara á constitución do ente metropolitano vai ser lento, advertiu Jorquera, quen defendeu que "mentres tanto" se avance na "prestación mancomunada de servizos" e nese sentido propuxo a integración dos concellos das Mariñas nos órgaos de decisión de Emalcsa e Nostián.

Se o proceso de constitución da Área Metropolitana se dilatar en exceso, o BNG pedirá a integración do concello da Coruña na Mancomunidade das Mariñas, concluíu Jorquera.

Por súa parte, o voceiro do BNG en Arteixo, Xurxo Couto —concello non integrado no Consorcio e que por tanto tampouco estará na Mancomunidade— avanzou que no pleno do próximo xoves defenderá unha moción en defensa da Área Metropolitana. "Arteixo non pode ser un guetto á marxe da área. Nós non estamos por quedarnos apartados como defende o PP de Calvelo", dixo.
 

A Mancomunidade das Mariñas non é a solución, a nosa aposta é a Área Metropolitana