COMISIÓN DE FACENDA

Jorquera pide que se mobilicen "bastante máis" dos 6 millóns que o Goberno Local pensa reasignar contra a pandemia

O BNG defendeu este xoves que se destinen para combater os efectos da pandemia da Covid-19 "bastantes máis" dos 6 millóns de euros que o Goberno Local pensa mobilizar, reasignando partidas, nos orzamentos do Concello para 2020.
Jorquera pide que se mobilicen "bastante máis" dos 6 millóns que o Goberno Local pensa reasignar contra a pandemia

Esta foi a posición que mantivo o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, durante a Comisión de Facenda que tivo lugar no transcurso desta mañá.

"O plan de choque" contra os efectos da pandemia debe ser "ambicioso" e, por tanto, ten que ter unha suficiente dotación económica, defendeu Jorquera, quen avogou por que se fose alén das previsións de reasignación de partidas nos orzamentos formuladas polo Goberno Local. Nese sentido, puxo sobre a mesa a hipótese de recorrer se for preciso ao endebedamento. "O Concello ten unha situación financeira moi saneada, o que lle permite mobilizar suficientes recursos para financiar un ambicioso plan de choque que reactive a economía e garanta a cohesión social", puxo en destaque o portavoz nacionalista.

Jorquera pediu tamén ao Goberno Local que sexa "esixente" para que "as outras administracións cumpran coas súas obrigas, de xeito que o Concello complemente, mais non substitúa, as súas actuacións". "En particular", salientou, "hai que lembrar que a Xunta de Galiza ten competencias entre outras en industria, comercio, cultura, turismo e emprego".

Defendeu tamén o voceiro da formación nacionalista que a Comisión axilice os seus traballos visando que se poda cumprir co obxectivo de ter a fins de xuño definitivamente aprobada a modificación dos orzamentos da cidade.

O portavoz do BNG trasladou á Comisión un documento en que se pormenorizan un conxunto de propostas nos ámbitos social, económico e fiscal para combater con eficacia os efectos da pandemia, texto que con anterioridade se remitira aos distintos grupos municipais.

 

 

Jorquera pide que se mobilicen "bastante máis" dos 6 millóns que o Goberno Local pensa reasignar contra a pandemia