Jorquera: "Os orzamentos da Xunta son un paso máis na ruína económica e social"

Jorquera: "Os orzamentos da Xunta son un paso máis na ruína económica e social"

Jorquera e xoseA Coruña, 21 de outubro de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, debullou esta mañá os orzamentos da Xunta e o seu impacto na Coruña en rolda de prensa, xunto co portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e advertiu de que as contas para o 2014 “representan un paso máis na ruína económica e social de Galiza e o fracaso das políticas de Feijóo”.

Nesta liña, Jorquera puxo de manifesto que, á vista dos orzamentos de 2014, se reducen os investimentos produtivos e mais o gasto social, é dicir, as partidas que teñen máis impacto na mellora de vida da cidadanía. Esta redución, explicou, vén motivada polo forte incremento da débeda da autonomía. Denunciou que só nun ano, a débeda aumentou en case mil millóns de euros, un 86,4%. “Estes 960 millóns de euros máis de débeda creados só nun ano hipotecan o futuro de Galiza”, salientou.

Puxo de manifesto Jorquera que “nun contexto en que 1 de 4 cidadás vive ao límite da pobreza e en que medra a débeda pública de xeito esaxerado, non se poden seguir acometendo políticas de recortes en gasto social, xa que deprimen máis a economía”. Sobre os recortes, puxo como exemplo os tesoirazos en materia social e denunciou que en Sanidade, o recorte supera os 34.000.000 euros, 20.000.000 euros en Educación e 14.000.000 euros en Traballo e Benestar. Así, criticou que o Goberno de Feijóo renuncie a destinar 65 millóns en política social.

“Os orzamentos para A Coruña son as contas dos atrasos, dos recortes, dos incumprimentos e das desaparicións”

No que respecta ao impacto dos orzamentos de 2014 na Coruña, Jorquera e Carril advertiron de que a caída na comarca é do 30% respecto dos orzamentos vixentes. Alertaron, ademais, de que a caída é do 50% de comparmos os orzamentos de 2014 coas previsións de investimento recollidas nos orzamentos de 2013, “así, dificilmente, poden servir para xerar emprego e para reactivar a economía”.

Sobre os atrasos e recortes, puxeron como exemplos o millón de euros destinado á estación de bombeos do Temple, que lle afecta á ría do Burgo. “É unha tomadura de pelo porque esta partida aparece por terceira vez nuns orzamentos (apareceu no 2012, 2013 e 2014) e, por riba, nos orzamentos de 2014, é un 60% menor que a dos orzamentos de 2013”. Tamén aludiron á reforma do IES Eusebio da Guarda, para o que se volve consignar a mesma cantidade que nos orzamentos de 2013, é dicir, 50.000 euros, e á ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, partida que se repite orzamento tras orzamento e que para o 2014 conta con só 350.000 euros, cando as obras custarán ao redor do millón de euros. O Parrote é outra das obras afectadas polos recortes, xa que dos 7,5 millóns previstos nos orzamentos de 2013, os orzamentos de 2014 só consignan 3,5.

Sobre os incumprimentos, criticaron os 0 euros para novos equipamentos sociais na nosa cidade, e isto, malia as promesas do Sr. Negreira e da conselleira coruñesa Beatriz Mato: nin centro de día en Durmideiras, nin centro de día na Falperra, nin centro de alzhéimer, nin centro de saúde en Palavea, nin escola infantil. Mención aparte mereceu o caso da fábrica de tabacos, cualificada por Carril como un incumprimento claro da Xunta de Galiza coa cidadanía da Coruña logo de que o alcalde lle regalara ao Goberno galego este edificio emblemático. Lembrou que nos orzamentos de 2013 se recollía unha previsión de gasto de 8,5 millóns para o 2014, cando os orzamentos de 2014 recollen tan só 3,5. Advertiu dun máis que probábel atraso nas obras, xa que foron licitadas por 20 millóns.

Sobre as desaparicións, denunciaron o famoso metro lixeiro (promesa estrela do PP en todas as campañas electorais), a conexión da AP9 co aeroporto e a partida de 2,3 millóns para a produción pesqueira. Fixeron fincapé no polígono industrial de Morás. Tras 30 millóns consignados durante os pasados exercicios (nos orzamentos de 2013 consignáranse 14,2 millóns) este ano desaparece a partida destinada ao seu desenvolvemento.

Jorquera: "Os orzamentos da Xunta son un paso máis na ruína económica e social"