ATINXE FUNDAMENTALMENTE OS BARRIOS DO CASTRILLÓN, MONELOS E OS CASTROS

Jorquera insta o Goberno Local a tomar medidas contra a turbidez da auga

Con máis frecuencia da desexábel a auga da billa sae turba e suxa nos barrios do Castrillón, Monelos e Os Castros, dependentes da estación de bombeo de Eirís, aínda que isto tamén ocorre episodicamente en Monte Alto, O Ventorrillo e Catro Camiños.
Jorquera insta o Goberno Local a tomar medidas contra a turbidez da auga

Esta situación leva o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a rexistrar unha pregunta oral ao Goberno Local que se materializará no pleno da Corporación do próximo mes de decembro. 

“Que actuacións ten previsto levar a cabo o Goberno Municipal para evitar a turbidez da auga, que afecta, sobre todo, aos barrios do Castrillón, Monelos e Os Castros”, reza o texto desta iniciativa.

“Por moito que Emalcsa teime en que a turbidez non afecta a calidade da auga”, considera Jorquera, “o certo é que moitas veciñas e veciños vense obrigadas a recorrer a mercar auga embotellada para faceren biberóns e mesmo para pór lavadoras”.

O problema non só afecta o consumo doméstico, senón tamén a negocios como estabelecimentos hosteleiros ou salóns de peiteado.

“É preciso tomar medidas e facelo canto antes”, urxe Jorquera.