JORQUERA, EN DEBATE CO PORTAVOZ DO EXECUTIVO CORUÑÉS

"Se decide voltar ás políticas do pasado, o Goberno Local encontrará no BNG un firme opositor"

Jorquera, durante o pleno
Jorquera, durante o pleno
“Se o novo rumbo” que vai tomar o Goberno Local após a recente crise de goberno, saldada coa incorporación dunha concelleira proveniente de Ciudadanos, significa “a volta ás políticas do pasado” o executivo coruñés encontrará no BNG “un firme opositor”, advertiulle Francisco Jorquera ao portavoz do gabinete municipal, José Manuel Lage, durante a quenda de preguntas orais do pleno.
"Se decide voltar ás políticas do pasado, o Goberno Local encontrará no BNG un firme opositor"

“Estamos abertos a dialogar e chegar a acordos porque así entendemos a política. Pero é necesario por parte de vostedes ter outra actitude. E sobre todo unha maior vontade de transformación”, díxolle Jorquera a Lage.

“Un ano despois, que valoración fai o Goberno Municipal do cumprimento do acordo de investidura asinado entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e o BNG?”. Nestes termos rezaba a pregunta de Jorquera ao executivo local. En síntese, Lage fai un balance positivo, aínda que concede que “a nós nos gustaría ir máis rápido”. “Se aínda non se visualiza o traballo o suficiente temos que ser conscientes de que a pandemia nos impediu ir ao ritmo que desexaríamos”, engade.

O portavoz do Goberno Local emprazou, en todo caso, o BNG a analizar o grao de cumprimento do acordo de investidura nunha próxima reunión da Comisión de Seguimento que as dúas forzas políticas teñen constituído para precisamente acompañar o cumprimento dos compromisos adquiridos polo grupo que dá soporte ao executivo coruñés.

"É necesario por parte de vostedes ter outra actitude e, sobre todo, unha maior vontade de transformación”, díxolle Jorquera a Lage

“Ninguén pode discutir que o BNG exerceu unha oposición construtiva, con disposición a cooperar e a chegar a acordos polo ben da cidade” dixo por súa parte Jorquera, quen a seguir non tivo reparos en recoñecer que este foi un “ano atípico, interferido pola pandemia e as súas graves consecuencias”.

Mais ese contexto non pode servir de coartada para agachar lentitude na execución dos acordos e falta de tensión transformadora. “Cumprido máis dun ano de mandato, teño que dicirlle que somos críticos coa xestión do goberno. Vostedes mesmos admíteno implicitamente: que despois dun só ano haxa unha crise de goberno, non deixa de ser a constatación das feblezas da equipa, da falla de impulso dalgunhas áreas e da ausencia dun proxecto claro de cidade”, dixo Jorquera. “Vostedes parecen apostar por un cambio de rumbo, pero non se sabe cal é, fano sen dialogar coas forzas que posibilitaron a investidura da alcaldesa e a incorporación dunha persoa procedente de Cs non apunta a que vaian aprofundar nas políticas progresistas”, engadiu.

“Vostedes parecen apostar por un cambio de rumbo, pero non se sabe cal é, fano sen dialogar coas forzas que posibilitaron a investidura da alcaldesa"

Condensou así Jorquera as críticas do BNG á xestión do PSOE. “Non hai política cultural, nin unha aposta decidida por outro modelo de mobilidade. Pero tampouco por outro modelo de urbanismo. A Covid ensínanos a importancia de termos cidades á medida das persoas, con espazos urbanos de calidade”. Nada diso se pode ver na aposta polo proxecto das Percebeiras, na renuncia a que “A Agra teña o parque que merece” ou no carpetazo dado á investigación interna realizada sobre as responsabilidades polo escándalo do edificio Conde de fenosa..

Lembrou o portavoz nacionalista que o concelleiro de Urbanismo se comprometeu perante a veciñanza afectada polo Parque Ofimático a convocala este mesmo mes “a unha mesa para estudar posíbeis solucións”, ao tempo que lle reprochou ao Goberno Local a súa falta de resultados na interlocución coa Xunta e co goberno do Estado. “Un ano despois, a rexeneración da Ría do Burgo segue bloqueada, o edificio do cárcere, en desuso e caendo en anacos, os terreos de Defensa son obxecto de especulación e continuamos a agardar por unha solución á débeda do porto, pola intermodal ou polo acceso ferroviario a Punta Langosteira”, pormenorizou.

 

 

"Se decide voltar ás políticas do pasado, o Goberno Local encontrará no BNG un firme opositor"