CONTINUAMOS COA ANÁLISE DOS ORZAMENTOS GALEGOS PARA 2021

Investimentos da Xunta na Coruña: só o 1,8% do que vai gastar en todo o país

Francisco Jorquera, nunha rolda de prensa
Francisco Jorquera, nunha rolda de prensa
Os orzamentos da Xunta para 2021 reservan pouco máis de 47 millóns de euros de investimento directo na cidade da Coruña. Pois ben, esa cantidade representa apenas o 1,8% do total do investimento territorializado no conxunto da Galiza, unha suma que ascende a 2.502 millóns de euros.
Investimentos da Xunta na Coruña: só o 1,8% do que vai gastar en todo o país

“Somos como cidade arredor do 9% da poboación galega. Que se nos destine só o 1,8% do investimento territorializado demostra até que punto a Xunta de Galiza continúa a lle virar as costas á Coruña, mesmo en tempos de pandemia”, xulga a este respecto o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera. “O 1,8% é menos da cuarta parte do que nos correspondería”, engade.

Se ao gasto na cidade sumamos o que a Xunta destina aos concellos da comarca, o investimento na área da Coruña apenas chega aos 80 millóns de euros, unha cifra moi por debaixo do que lle correspondería en función do seu peso demográfico e da súa condición de motor económico do país.

Jorquera expresa tamén a preocupación que lle merece ao BNG o feito de que, nun contexto marcado pola pandemia, o gasto nos servizos públicos –sanidade e ensino- perda peso no conxunto do orzamento.

“Somos como cidade arredor do 9% da poboación galega. Que se nos destine só o 1,8% do investimento territorializado demostra até que punto a Xunta de Galiza continúa a lle virar as costas á Coruña, mesmo en tempos de pandemia”

“En sanidade, o investimento absórbeo na súa práctica totalidade unha partida que vai non a construír un novo hospital, como prometera en campaña Feixoo, senón a rematar o vello plano director do CHUAC de 2001. Non hai ningunha aposta, en troca, por reforzar a atención primaria, clave no combate contra a Covid-19”, argúe Jorquera.

Algo parecido acontece en materia educativa. Aparecen só dúas partidas específicas –para o CEIP Novo Mesoiro e para o instituto Eusebio da Guarda- e deíxanse desatendidos o resto dos centros de ensino da cidade. “A Xunta de Galiza, por non atender nin atende compromisos asinados”, di Jorquera, a se referir ao convenio subscrito pola Administración galega co Concello para dotar de patios cubertos os colexios da cidade.

Canto á política social, estes orzamentos son un remake dos actualmente vixentes, ao incluír como única achega significativa unha Residencia de Maiores en Eirís que vai ser financiada por unha entidade privada. Unha partida de 15 millóns de euros que, ademais, é a mesma que non se executou no presente exercicio.

Os orzamentos caracterízanse aínda por certas “ausencias clamorosas”, entre as cales destaca Jorquera a dunha partida para compensar as mariscadoras polo cesamento da súa actividade laboral durante o tempo que duren as obras de dragaxe da Ría do Burgo.

 

 

Investimentos da Xunta na Coruña: só o 1,8% do que vai gastar en todo o país