Instamos o Goberno Local a que se implique na defensa do petróglifo de Nostián

A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha pregunta por escrito para saber se o Goberno Local se vai implicar na protección do petróglifo de Nostián e na defensa do seu mantemento no seu emprazamento orixinal, no Monte dos Cazolos.
Instamos o Goberno Local a que se implique na defensa do petróglifo de Nostián

Estamos a falar dun vestixio da arte rupestre galega  que, segundo Patrimonio da Xunta de Galiza, debe ser conservado polo seu interese histórico-artístico. Acontece que Repsol quer facer pasar o poliduto que unirá a refinaría con Punta Langosteira por onde se acha situado o petróglifo. Do punto de vista do BNG, a petroleira ten que procurar un percorrido alternativo para a súa infraestrutura que se salvagarde un ben patrimonial de indubidábel valor histórico-artístico.

Após troca de documentación entre Repsol e Patrimonio –esta pediulle aquela que fixese unha proposta para non tocar o petróglifo-, fica pendente a resolución definitiva da Xunta de Galiza ao respecto. É por iso que Avia Veira pregúntalle ao Goberno Local que medidas ten pensado tomar para pór en valor este achado da arte rupestre galega no caso de que finalmente Patrimonio resolva que, tal e como o BNG desexa, o petróglifo fique no seu emprazamento orixinal e non se sexa trasladado a ningures.

Petróglifo Nostián 3

Nesa eventualidade, Avia Veira entende que o Concello tería que executar unha obra de adecuación integral da estrada e da súa contorna sendo que o acceso ao Monte dos Cazalos se acha nun estado “lamentábel”. O acondicionamento da zona é imprescindíbel para “fomentar o coñecemento deste ben de interese local”.

Na exposición de motivos desta iniciativa, remarca Avia Veira que “os petróglifos son unha manifestación da arte rupestre galega. Cun patrimonio inmensísimo, Galiza sitúase á par doutros grandes centros rupestres do continente: un total de 3.374 estacións rupestres xa achadas e recollidas nun mapa que elaborou o Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico –Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC”.

“Mais se ben hai moito patrimonio descuberto, non é menos certo que aínda fica outro moito por achar e pór en valor”, subliña.

 

Instamos o Goberno Local a que se implique na defensa do petróglifo de Nostián