ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2017

Incríbel: imos camiño de repetir a trapallada dos orzamentos de 2016!

Avia Veira accedendo ao salón de plenos do Concello antes da celebración dunha sesión
Avia Veira accedendo ao salón de plenos do Concello antes da celebración dunha sesión

Despois da suspensión da Comisión de Facenda desta mañá no Concello da Coruña estamos nun “dèjá vu” permanente

É incríbel a posibilidade de que se poida repetir unha situación como a acontecida cos orzamentos de 2016 e entende que é un sinal inequívoco de que os demais grupos municipais non están polo labor de mirar polos intereses da cidade senón só polos seus

Tras as posturas amosadas pola Marea, PP e PSOE, e a incerteza amosada polo Goberno municipal ao non ter tomada unha decisión de como proceder a respecto da forma de aprobar ou rexeitar as reclamacións, non sabemos nin cando nin como se irá a Pleno, e coa posibilidade real de que se acabe aprobando un texto desequilibrado e con reparos da intervención. Volveremos ver un espectáculo bochornoso do que o principal culpábel é o Executivo local que non quere, non sabe ou no promove os mecanismos para chegar aos pactos necesarios para ter os orzamentos

O traballo e as nosas achegas ao proxecto de orzamentos municipais 2017 cobran máis valor polo que advertimos as demais forzas que deixen de mirarse o embigo e comecen a pensar na cidade

Incríbel: imos camiño de repetir a trapallada dos orzamentos de 2016!

Despois da suspensión nesta mañá da Comisión de Facenda onde se estaba a realizar o estudo das reclamacións presentadas á aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2017, entendemos que no Concello da Coruña estamos nun “dèjá vu” permanente ao non se prever a curto prazo a aprobación definitiva, e onde tanto Marea Atlántica, Partido Popular e Partido Socialista manteñen posturas inflexíbeis e incompatíbeis cun mínimo de acordos para poder sacar adiante unha proposta.

E é que despois dos desencontros que se plasmaron na reunión, a actitude amosada polas demais forzas políticas é un sinal inequívoco de que os demais grupos municipais non están polo labor de mirar polos intereses da cidade senón só polos seus, independentemente dos custos que puideran derivarse, e cualificamos como incríbel a posibilidade de que se poida repetir unha situación a acontecida cos orzamentos de 2016.

Mais esta situación non sería unha sorpresa. Desde o BNG levamos advertindo desde o último trimestre do ano pasado que era unha posibilidade moi real e que había que artellar os mecanismos necesarios para este ano 2017 tiveramos os orzamentos a principios de ano fuxindo do espectáculo bochornoso que se deu o ano pasado. Porén tras as posturas amosadas pola Marea, PP e PSOE, e a incerteza amosada polo Goberno municipal ao non ter tomada unha decisión de como proceder a respecto da forma de aprobar ou rexeitar as reclamacións, non sabemos nin cando nin como se irá a Pleno, e coa posibilidade real de que se acabe aprobando un texto desequilibrado e con reparos da intervención. Isto considerámolo lamentábel.

Neste sentido, entendemos que o principal culpábel de que a situación se repita é o Goberno Municipal, que está amosar unha falta de cintura evidente, que non quere tomar decisións políticas e que non quere, non sabe ou no promove os mecanismos para chegar aos pactos necesarios para ter uns orzamentos, pois é precisamente o Executivo local quen debe facer as propostas e chegar a entendementos coas demais forzas políticas.

Xa advertimos precisamente ao alcalde e ao Goberno da Marea, xusto despois do Pleno da Cuestión de Confianza, que deberían iniciar un proceso de diálogo, durante o período aberto para a presentación da Moción de Censura e, de non presentarse, alongalo durante o período de presentación de emendas (ao entenderse aprobados inicialmente os orzamentos) para evitar que se chegara a un Pleno de aprobación definitiva onde se dera a posibilidade de que os orzamentos que finalmente se aprobaran estiveran condicionados por reclamacións que os desequilibraran e forzados a modificativos de crédito posteriores; a aquela altura o propio alcalde minusvalorou esta posibilidade.

Non nos cansaremos en reivindicar o noso traballo exhaustivo e rigoroso sobre as necesidades que ten cada barrio da cidade e os investimentos necesarios por áreas, que por certo, recollemos nunha alegación ordenada e equilibrada que incluía minoracións e altas. E non nos cansaremos en seguir traballando acudindo aos barrios a recoller esas demandas e en facer propostas, mais tamén advertimos que non estamos dispostos a participar de trapalladas e espectáculos que o único que conducen é a dar a sensación de que os grupos municipais están só a mirar polos seus intereses polo que recomendamos ás demais forzas que deixen de mirarse o embigo e comecen a pensar na cidade.

A Coruña, 24 de abril de 2017

 

Artigos relacionados: