MOCIÓN DO BNG PARA O PLENO DESTE XOVES 14M

Imprescindíbel derrogar a Lei Montoro para o concello destinar o seu superávit a reactivar a economía

O portavoz do BNG en María Pita Francisco Jorquera vai defender no Pleno do Concello deste xoves 14M unha moción para esixir a derrogación da Lei Montoro, un texto legal aínda en vigor que impide ao concello da Coruña destinar o seu superávit orzamentario a combater os efectos socio-económicos da crise da Covid-19.
Imprescindíbel derrogar a Lei Montoro para o concello destinar o seu superávit a reactivar a economía

A formación nacionalista procura o acordo do Pleno da Corporación para que o Goberno Local traslade á Fegamp, á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a demanda da derrogación dunha Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira que na práctica obriga o Concello a utilizar os remanentes orzamentarios de cada exercicio para amortizar débeda e non para atender as necesidades máis prementes da cidade, neste caso a defensa dos sectores socialmente máis vulnerábeis e a reactivación da economía.

"Sen derrogación da chamada Lei Montoro non é posíbel que os concellos poñan todos os seus recursos ao servizo das tarefas de reactivación da economía", sostén Francisco Jorquera, quen a medio desta moción defende que o Concello poña sobre a mesa a necesidade de a Xunta iniciar a elaboración dun plan galego de reactivación economía "consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais".

Sería tamén preciso, salienta o portavoz nacionalista, que a Xunta puxese tamén en marcha un plan galego de axudas a autónomos e PEMES, esenciais no tecido produtivo do país, que "complemente as medidas do Estado".

Para concluír, a moción pretende que a Corporación se pronuncie en contra da posibilidade, apuntada nalgunhas informacións xornalísticas, de que o Ministerio de Facenda se incaute dos "depósitos remanentes municipais no canto de permitir que sexan utilizados polos concellos en actuacións da súa competencia".

 

Imprescindíbel derrogar a Lei Montoro para o concello destinar o seu superávit a reactivar a economía