SERVIZOS MUNICIPAIS

Seis horas ao día sen poder saír das instalacións dos servizos de ludoteca

Exterior do Centro Cívico de Novo Mesoiro, onde se prestan os servizos complementarios de conciliación familiar da ludoteca
Exterior do Centro Cívico de Novo Mesoiro, onde se prestan os servizos complementarios de conciliación familiar da ludoteca

Trasladamos ao próximo Pleno as queixas da veciñanza de distintos servizos de ludoteca que impiden as saídas dos nenos no seu horario de servizo de verán

Recollemos o laio de usuarios dos servizos de Novo Mesoiro e Monte Alto, realizado a través de redes sociais despois de que non se lles contestara a unha solicitude de información, na que sinalaban que, a diferencia de anos anteriores, as nenas e os nenos que empregan o servicio de conciliación familiar que se ofrece a través dos servizos municipais non poden acceder ao patio dos centros, ou a espazos libres, en todo o horario de 9.00 h a 15.00 h, nin tan sequera no tempo da merenda

Resulta chamativo que o Goberno municipal, que se gaba constantemente de abrir procesos participativos, non conteste ás consultas que realizan as entidades veciñais a respecto das condicións dos servizos que se prestan, e, por tanto, se vexan obrigadas a facer denuncias públicas a través das redes sociais. E moito máis chamativo resulta que logo se conteste a través das mesmas redes sociais, sinalando que o problema está resolto cando non é así

Seis horas ao día sen poder saír das instalacións dos servizos de ludoteca

Vimos de presentar unha batería de preguntas para a súa resposta por escrito para o vindeiro Pleno a respecto de varias denuncias realizadas pola veciñanza de Novo Mesoiro e Monte Alto a respecto dos servizos de conciliación familiar que se prestan a través das ludotecas municipais.

Así, tivemos coñecemento dos laios de usuarios dos servizos destes barrios que sinalaban que, a diferencia de anos anteriores, as nenas e os nenos que empregan o servicio de conciliación familiar que se ofrece a través dos servizos municipais non poden acceder ao patio dos centros, ou a espazos libres, en todo o horario de 9.00 h a 15.00 h, nin tan sequera no tempo da merenda.

Capturas de pantalla das queixas formuladas pola entidade veciñal

Captura de pantalla das queixas formuladas pola entidade veciñal

As queixas das usuarias e usuarios dos servizos municipais céntranse en denunciar que en todo ese horario, que nestes meses de verán se presta co obxecto de facilitar a conciliación laboral das familias, non se lle permite a saída ao aire libre ás nenas e aos nenos, permanecendo dentro das instalacións durante as seis horas nas que se presta o servizo.

Tal e como se pode contrastar a través das queixas formuladas nas propias redes sociais, a entidade veciñal de Novo Mesoiro viuse na obriga de publicar nas súas redes esta denuncia xa que logo non foi atendida unha solicitude de información ao respecto despois de recoller numerosas queixas de veciñanza que se dirixiu a entidade veciñal advertindo da situación.

Finalmente, e despois de facer a denuncia pública nas redes sociais, recibiron contestación desde a conta de twitter da Concelleira de Igualdade conforme os problemas sinalados estaban solucionados. Mais esta mañá, a primeira hora fixemos a consulta correspondente nos centros dos que se denuncian as deficiencias do servizo e confirmáronnos que aínda non teñen orde de que as nenas e os nenos poidan, canto menos, saír un anaco ao longo da mañá, polo que o problema aínda non esta arranxado e as crianzas, polo menos hoxe, seguirán sen poder abandonar as instalacións durante as seis horas que permanecen ao coidado da ludoteca.

Deste xeito, solicitamos do Goberno municipal explicacións de porque non se permiten estas saídas, que alternativas, de existir, se formulan a cambio de non realizar estas saídas ao aire libre, se se considera oportuna esta práctica e que area ou responsábel deu estas instrucións.

Por último, tamén solicitamos aclaracións a respecto de por que a Concellaría de Igualdade non contestou á consulta formal realizada e se se considera normal que as entidades veciñais teñan que recorrer á denuncia pública para seren atendidas.

Resulta chamativo que o Goberno municipal, que se gaba constantemente de abrir procesos participativos, non conteste ás consultas que realizan as entidades veciñais a respecto das condicións dos servizos que se prestan, e, por tanto, se vexan obrigadas a facer denuncias públicas a través das redes sociais. E moito máis chamativo resulta que logo se conteste a través das mesmas redes sociais, sinalando que o problema está resolto cando non é así.

A Coruña, 13 de xullo de 2017