NOSTIÁN

Hai que tomar decisións a respecto de Nostián

Imaxe do exterior da Planta de Nostián
Imaxe do exterior da Planta de Nostián

Avia Veira: “Independentemente do xa xudicializado, o Goberno municipal debe tomar dunha vez algunha decisión política para que a Planta de Nostián deixe de ser un saco sen fondo onde se dispendian cartos públicos mentres a empresa segue a incumprir as súas obrigas”

Lembramos que, na precampaña das eleccións municipais de 2015 varias organizacións e entidades, entre elas o propio BNG a Marea Atlántica, se comprometeron a realizar a fiscalización da Planta e a dotar de transparencia a todos os procesos de xestión dos residuos, con acceso á información por parte das cidadanía en xeral e dos colectivos e entidades sociais e esixindo das empresas o cumprimento das condicións da concesión e os obxectivos para os que foi creada

Hai que tomar decisións a respecto de Nostián

Queremos valorar con prudencia a sentenza que hoxe vén de publicarse en varios medios de comunicación a respecto do pago de máis de 4,6 millón de euros que o Concello da Coruña vai ter que realizar á empresa concesionaria.

Mais consideramos que independentemente do xa xudicializado, o Goberno municipal debe tomar dunha vez algunha decisión política para que a Planta de Nostián deixe de ser un saco sen fondo onde se dispendian cartos públicos mentres a empresa segue a incumprir as súas obrigas.

Levamos anos denunciando que a concesionaria, a empresa Albada, ten beneficios económicos multimillonarios mentres, e tal e como se evidenciou en multitude de ocasións e desde diferentes instancias, mesmo tamén coa propia sentencia que hoxe sae nos medios e que é moi contundente ao respecto, está a incumprir as súas obrigas como concesionaria do servizo público do tratamento do lixo: a cantidade de lixo reciclado na Planta é mínima e o destino final da maior parte dos refugallos é o vertedoiro ou a incineración. Por iso, consideramos un saqueo e unha estafa social o servizo de reciclaxe. A cidadanía está a pagar por un servizo que non se está a prestar e se lle está a cobrar de xeito indebido a taxa do lixo.

Deste xeito, recordamos que na precampaña das eleccións municipais de 2015 varias organizacións e entidades, entre elas o propio BNG a Marea Atlántica, se comprometeron a realizar a fiscalización da Planta e a dotar de transparencia a todos os procesos de xestión dos residuos, con acceso á información por parte das cidadanía en xeral e dos colectivos e entidades sociais.

Asemade, todas estas entidades estabamos de acordo en lle esixir da empresa que xestiona a Planta o cumprimento dos obxectivos para os que foi creada e das condicións da concesión do servizo. Debe ser un compromiso efectivo e inmediato: a empresa concesionaria dos servizos de recollida e tratamento do lixo deben garantir os resultados esixidos pola normativa e os pregos de contratación, tomándose as decisións que se deban de tomar, mesmo se é necesario, chegado o caso, a actuacións drásticas.

Así, lembramos que precisamente no noso programa #TodasAsCoruñas recollía o noso compromiso de que a Planta de Nostián fora un auténtico centro de tratamento de residuos, de reciclaxe, de reutilización e de compostaxe, procedendo para tales efectos, entre outras cuestións, á auditoría e a revisión da concesión.

A Coruña, 21 de febreiro de 2017