AVIA VEIRA E MERCEDES QUEIXAS REÚNENSE COA ANPA DO CEIP NOVO MESOIRO

"Os guindastres continúan a funcionar mentres as nenas e os nenos xogan no patio"

ANPA
Un momento da reunión
Avia Veira e Mercedes Queixas –concelleira e deputada do BNG, respectivamente- mantiveron esta mañá un encontro con nais da ANPA Monte do Muíño de Novo Mesoiro. Na reunión, que se prolongou por espazo de hora e media, tomaron nota das múltiples deficiencias que presenta este centro e comprometéronse a levalas en forma de iniciativas ao Concello e ao Parlamento galego.
"Os guindastres continúan a funcionar mentres as nenas e os nenos xogan no patio"

“Estamos nun colexio novo. Pois ben, o estado das súas infraestruturas non é de recibo. Hai problemas de todo tipo. Portas que non abren nin pechan ben, déficits dotacionais no comedor, carencia de elementos no patio para as crianzas xogaren”, relata Avia Veira. “As nais comentáronnos que mesmo os guindastres continúan a funcionar durante o tempo de recreo das nenas e dos nenos”, engade. As obras aínda non están completamente rematadas e durante a visita das nacionalistas operarios entraron no centro para continuar coas súas tarefas.

A principal demanda das nais é que se dote o centro dunha segunda liña en segundo de primaria. “O normal é que nunha escola de nova creación non se ateigasen as aulas, non se fose ao límite da ratio de 25 alumnas por docente. Aquí infelizmente faise. E isto é particularmente grave neste tempo da Covid-19”, denuncia Mercedes Queixas.

Avia e Mercedes

“Sorprende que as aulas sexan tan pequenas”, subliña. “Como se solucionaría isto? Pois contratando máis profesorado, cumprindo a Xunta os seus compromisos, sobre todo tendo en conta que hai moito alumnado con necesidades especiais”.

A este último respeito fai notar Queixas que o centro carece de oferta de profesorado especializado en audición e linguaxe e que a praza de orientador/a é partillada con outra escola.

“Este é un centro de nova creación. Este vai ser o seu primeiro curso. Podería ser un modelo. Tristemente non o é. E isto ten un único responsábel: a Xunta de Galiza”, conclúe Queixas.

"Os guindastres continúan a funcionar mentres as nenas e os nenos xogan no patio"