O Goberno municipal evitou responder en Pleno se vai revisar de oficio os acordos ilegais de Someso

O Goberno municipal evitou responder en Pleno se vai revisar de oficio os acordos ilegais de Someso

A Coruña, 23 de xullo de 2013.- Ademais de non responder ao escrito rexistrado polo Grupo Municipal do BNG a 8 de febreiro de 2012 en que se solicitaba a revisión de oficio dos actos e acordos administrativos nulos de pleno dereito de Someso, o Goberno do Sr. Negreira negouse a contentar en Pleno a unha pregunta oral formulada polo BNG en maio para saber se se ían revisar estes actos e acordos.

Na resposta, o concelleiro de Urbanismo limitouse a sinalar que o Goberno municipal “tomará todas las medidas necesarias para salvaguardar los intereses generales de la ciudadanía de A Coruña pero cuando proceda y siempre y cuando los hechos no tengan consecuencias peores”... e que “el expediente se envió al Tribunal de Cuentas, y en función de lo que ocurra, se valorarán otras opciones”. Unha vez ten coñecemento de que o Tribunal de Cuentas investigará as irregularidades de Someso a iniciativa do BNG, o Goberno municipal segue sen revisar de oficio estes acordos e actos ilegais.

Ante a actitude esquiva do Goberno municipal sobre a revisión de oficio destes actos e acordos ilegais, as nacionalistas advirten de que non se trata dunha cuestión de vontade, senón que é de obrigado cumprimento. E de non facelo, sinalan, o Goberno municipal podería estar incorrendo nunha prevaricación omisiva.

O informe municipal recoñece todo un conxunto de infraccións do ordenamento xurídico que determinan a nulidade de pleno dereito de actos e acordos municipais relativos ao sector S7 de Someso

Lembran as nacionalistas que o propio Goberno do Sr. Negreira recoñece no informe municipal de 15 de xuño de 2011 que se trata de actos e acordos ilegais. Así, o informe municipal pon de manifesto que existe todo un conxunto de infraccións do ordenamento xurídico que determinan a nulidade de pleno dereito de actos e acordos municipais relativos ao sector S7 de Someso.

Estas infraccións e ilegalidades, afirma o BNG, evidencian de xeito palmario unha omisión total e absoluta do procedemento legalmente estabelecido (respecto da enaxenación de bens e dereitos municipais) e atribución á Xunta de Compensación e propietarios particulares de aproveitamento urbanístico sen contar cos requirimentos legais para a súa adquisición.

O Goberno municipal evitou responder en Pleno se vai revisar de oficio os acordos ilegais de Someso