O Goberno municipal desbota o recurso do BNG contra a prórroga dunha licenza caducada en Someso

O Goberno municipal desbota o recurso do BNG contra a prórroga dunha licenza caducada en Someso

A Coruña, 5 de abril de 2013.- A Xunta de Goberno Local, que tivo lugar na mañá de hoxe, desestimou o recurso de reposición presentado polo Grupo Municipal do BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Carril, a día 02.03.2013, contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 23.02.2013, de subrogamento da titularidade licenza e prórroga, en 30 meses, do prazo da licenza outorgada 23.05.2008 para a construción dun aparcadoiro soterrado en Someso.

O Goberno municipal desestima o recurso das nacionalistas malia que a prórroga da licenza infrinxe manifestamente o art. 19.3 do decreto 28/1999, de 21 de xaneiro, de Regulamento de disciplina urbanística de Galiza, un decreto plenamente vixente que non contradi a LOUG, que sinala “a ampliación de prazos non poderá ser validamente solicitada polo titular da licenza se non transcorreu, cando menos, a metade do prazo inicialmente fixado”. E, contra o que recolle este regulamento, no informe-proposta recoñécese que “da documentación aportada interfírese que resta por executar case o 100% da obra (só se certifican actuacións previas e baleirado). De feito, no propio expediente consta que o 25 de abril de 2012 compróbase que as obras non comezaran.

É notorio, e así o confirman os documentos, que o actual director de Urbanismo participou no outorgamento da prórroga da licenza caducada, un proxecto do que el é autor

Ademais, o Goberno do Sr. Negreira desbota o recurso do BNG a pesar de que a participación activa no procedemento do actual director de Urbanismo, o Sr. Otero Grille, que foi nomeado polo Partido Popular, cando este figura como interesado no expediente. Ademais de prestar conformidade ao informe-proposta, Otero Grille participa no procedemento, tal e como se reflicte nun requirimento de solicitude de prórroga, de 09.10.2012, e, posteriormente, o 26.11.2012, nun novo requirimento de documentación.

O Sr. Otero Grille é interesado, salientan as nacionalistas, porque no certificado descritivo de obra e acreditativo do seu estado construtivo, que data de 23.10.2012, consta como redactor do proxecto Grupo Tau Coruña S.L. Taller de Arquitectura e Urbanismo (entidade coa que Otero Grille ten unha dilatada relación profesional). Ademais, a acta de replanteo, de 17.12.2012, reflicte que o Sr. Otero Grille é co-proxectista da obra. E, tamén, no visado do COAG, de 13.09.2012, consta que o Sr. Otero Grille é redactor do proxecto da obra.

As nacionalistas insisten en que a participación activa do Sr. Otero Grille neste procedemento vicia de nulidade o acordo de outorgamento da prórroga da licenza.

Habería que denegar a solicitude da prórroga e, posteriormente, declarar a caducidade da licenza

O Grupo Municipal do BNG critica que o informe-proposta ampare o outorgamento da prórroga na relación da prórroga coa caducidade da licenza, cando o acordo da XGL de 23.02.2013 corresponde a unha solicitude de prórroga, un procedemento administrativo a solicitude do interesado e cuxa resolución debe aterse ao recollido no art.197 da LOUG e art.19 do decreto 28/1999, do Regulamento de disciplina urbanística. Así, non se trata dunha declaración de caducidade, que sería unha incoación de oficio pola Administración, e non dunha solicitude de prórroga.

As nacionalistas poñen de manifesto que o Concello debeu ter incoado expediente de caducidade de licenza, con independencia da solicitude da prórroga. Aluden, para isto, á STSXG de 24.04.2008. Tamén procedería a aplicación da caducidade automática, ao se constatar que as obras nin sequera comezaran cando xa se excedera o prazo de finalización. Procedía legalmente, engaden, denegar expresamente a solicitude de prórroga e incoar, posteriormente, expediente de caducidade de licenza.

Non existía unha decidida vontade de executar as obras, xa que só se certificaron actuacións previas e baleirado

Pola outra banda, fronte ao defendido polo Goberno municipal, non había unha decidida vontade de executar as obras, xa que tan só tiveron lugar actuacións previas e baleirado. Porén, con independencia de que se considere tal vontade inequívoca do titular de executar as obras, cando case 5 anos despois do outorgamento de licenza unicamente se executara o baleirado da parcela, a realidade é que o exceso dos cumprimentos dos prazos da licenza, tanto de inicio como de finalización, é causa da caducidade da licenza, tal e como recollen as STSXG de 04.10.2012, 26.07.2012 e 26.05.2012, entre outras.

O Goberno municipal desbota o recurso do BNG contra a prórroga dunha licenza caducada en Someso