O Goberno Local vulnera os dereitos da oposición ao desviar os datos de execución orzamentaria de Emprego á Comisión de Facenda

O grupo municipal do BNG quer manifestar a súa protesta pola decisión do Goberno Local de desviar á Comisión de Facenda a información sobre os datos de execución orzamentaria da Concellaría de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, até o momento en que foi cesada a súa anterior titular, Eva Martínez Acón.
O Goberno Local vulnera os dereitos da oposición ao desviar os datos de execución orzamentaria de Emprego á Comisión de Facenda

Foi o concelleiro titular de Emprego, Jesús Celemín, o que se negou a informar á Comisión de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, reunida esta mañá, sobre os datos de execución da que agora é súa área. Fíxoo a pesar de que se convocara a Comisión con ese asunto na orde do día. Celemín indicou que a información se proporcionaría nunha Comisión de Facenda, sen data aínda de convocatoria.

“Manifestamos a nosa protesta porque a práctica habitual é que se informe da execución orzamentaria dunha Concellaría na súa comisión correspondente. Ademais, ese punto figuraba na orde do día, así que non ten ningunha xustificación que se desvíe o asunto á Comisión de Facenda”, afirma Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita.

“Estase a vulnerar o dereito da oposición ao acceso a información pública. Isto conculca tamén calquera principio de transparencia e de dación de contas por parte do Goberno Local”, considera Jorquera.

"A negativa a facilitar información no lugar onde corresponde á oposición é particularmente grave se temos en conta que os datos cuxo acceso se nos nega hoxe si lle foron fornecidos á prensa no marco dos conflitos internos que se viven no seo do PSOE coruñés e do Goberno Local", argúe o voceiro nacionalista.

Para o portavoz do BNG, resulta obvio que o Goberno Local optou pola estratexia de desprazar a cuestión á Comisión de Facenda para evitar que se reavivase a polémica arredor da crise que levou ao cesamento de Eva Martínez Acón como anterior titular de Emprego. Acón estaba presente hoxe nesta comisión, mais non fai parte da de Facenda.

 

 

 

O Goberno Local vulnera os dereitos da oposición ao desviar os datos de execución orzamentaria de Emprego á Comisión de Facenda