PREGUNTA ORAL AO CONCELLEIRO DE FACENDA

O Goberno Local vai prorrogar os orzamentos de 2020 e Jorquera veo como unha anomalía e un síntoma de debilidade

A intención do Goberno Local é prorrogar os orzamentos de 2020. A tese, expresada por José Manuel Lage nunha resposta a unha pregunta oral de Francisco Jorquera, é que nas circunstancias actuais, marcadas pola pandemia, “o orzamento 2021 en ningún caso sería mellor que o orzamento de 2020” prorrogado.
O Goberno Local vai prorrogar os orzamentos de 2020 e Jorquera veo como unha anomalía e un síntoma de debilidade

O concelleiro de Facenda respondía así a unha pregunta do portavoz do BNG quen se interesaba por saber cando pensaba o Goberno Local abrir as negociacións cos grupos municipais para elaborar os orzamentos 2021.

Lage dixo que non quería someter ao Concello á “performance” de tres meses de negociación orzamentaria cos grupos municipais “para acadar unha situación (un orzamento) peor que a que temos na actualidade”.

Na súa intervención, salientou Jorquera que no Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 o PSdeG comprometérase co BNG a iniciar as negociacións orzamentarias sempre no mes de setembro, co fin de que as contas entrasen en vigor en xaneiro. “Este pleno estase a celebrar o 1 de outubro. E até hoxe, o Goberno Local, sobre orzamentos de 2021, nin sabe nin contesta”, dixo o voceiro nacionalista.

“Os orzamentos de 2020 aprobáronse, após culminar a súa tramitación, o 21 de febreiro. E, polo camiño que vamos, os de 2021 terémolos co exercicio aínda moito máis avanzado”, alegou Jorquera. “Se é que os temos”, acotou.

Salientou Jorquera que no Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 o PSdeG comprometérase co BNG a iniciar as negociacións orzamentarias sempre no mes de setembro, co fin de que as contas entrasen en vigor en xaneiro

Pois ben, de acordo co dito por Lage, en principio non imos ter novos orzamentos. O Goberno Local vai optar pola prórroga dos actuais. Xustificouno o concelleiro de Facenda nos efectos da pandemia sobre a economía coruñesa e sobre os ingresos do Concello. “Hai tres elementos clave. A previsíbel caída de ingresos na Facenda local, nesta e en todas. A incerteza sobre a evolución da economía. E a caída da participación do Concello nos ingresos do Estado”, dixo, en alusión ao descenso nas recadacións do IVE e o IRPF, impostos que financian tamén os concellos.

Jorquera xa anticipara na súa intervención que non vía moita intención no Goberno Local de abrir unha negociacion orzamentaria.

20201001_100219

“Ou vostedes non lle dan importancia a comezar o exercicio cuns orzamentos novos aprobados ou pretenden unha negociación exprés para forzar un trágala ou simplemente renuncian a negociar uns novos orzamentos e optan por prorrogar os actuais”, dixo. “E calquera destas posibilidades é mala”, engadiu.

Argumentou Jorquera que precisamente porque estamos “inmersos nunha grave crise económica e social” é porque precisamos uns orzamentos novos. “Son a principal ferramenta da que dispón o Concello para facer fronte a esta situación. Pero non vale calquera orzamento. É necesario un bon orzamento” , advertiu. Unhas contas que dinamicen a economía e críen emprego, que afortalen as políticas sociais para loitar contra a exclusión e as desigualdades. “E para que haxa un bon orzamento nin a negociación pode ser in extremis nin a tramitación, precipitada”, alertou.

Argumentou Jorquera que precisamente porque estamos “inmersos nunha grave crise económica e social” é porque precisamos uns orzamentos novos.

“Pero ademais, señor concelleiro, as necesidades son cambiantes. Os orzamentos dun ano non valen para o seguinte. De feito, cando negociamos o PRESCO todos os grupos asumimos que podería ser necesaria unha nova modificación orzamentaria en virtude da evolución da situación e da avaliación do impacto real das medidas”, arguíu Jorquera.

“Elaborar e aprobar os orzamentos tarde, mal e arrastro é malo para a cidade. E funcionar con orzamentos prorrogados aínda máis. Sería unha anomalía. Un síntoma de debilidade e de incapacidade de diálogo por parte do Goberno Local”, concluíu Jorquera.

O Goberno Local vai prorrogar os orzamentos de 2020 e Jorquera veo como unha anomalía e un síntoma de debilidade