PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

Por que o Goberno Local sacou a concurso a subministración de fondos bibliográficos sen ter en conta as librarías da cidade?

Feira do Libro
Feira do Libro

A concelleira do BNG Avia Veira dirixiulle unha pregunta por escrito ao Goberno Local para saber por que o Executivo coruñés sacou a concurso, por valor de 87.420 euros, un contrato de subministración de fondos bibliográficos para as bibliotecas municipais sen ter en conta as librarías da cidade.

Por que o Goberno Local sacou a concurso a subministración de fondos bibliográficos sen ter en conta as librarías da cidade?

A licitación fíxose pública en pleno confinamento, en concreto o 7 de maio de 2020, sen que esta iniciativa fose coñecida con carácter previo por parte do "rico tecido de librarías de barrio que hai na nosa cidade".

As librarías coruñesas ficaron fóra do concurso porque, argumenta a edil nacionalista, "o procedemento colleunas en pleno Estado de Alarma, coas portas pechadas e a reixa baixada e con evidentes dificultades para prepararen unha oferta económica e técnica que só poderían afrontar grandes empresas alleas fornecedoras de libros".

O BNG quere saber se existía algunha urxencia para "sacar a concurso esta licitación" xusto nun momento en que as librarías da cidade se achaban fechadas, ao tempo que pregunta "por que acode o Goberno local a este tipo de procedemento que non viña sendo habitual".

Inquírelle Avia Veira ao Goberno Local se vai desestir deste procedemento ou "pensa seguir adiante, prexudicando dese modo as librarías da cidade".

Mais as librarías coruñesas non só foron ignoradas neste episodio por parte do Goberno Local. Tamén o foron, segundo deduciu Avia Veira durante a última reunión da Comisión de Educación e Cultura, á hora de "poñeren en común a programación da Feira do Libro, a propia situación da Feira ou as axudas do Concello da Coruña" a este colectivo para financiar a súa participación nese relevante evento cultural.

Nese sentido, Veira insta o Goberno Local a que rectifique e a partir de agora estabeleza un "diálogo fluído" cunhas libreiras e libreiros que, a maiores, na nosa cidade "veñen de asociarense recentemente". 

Por que o Goberno Local sacou a concurso a subministración de fondos bibliográficos sen ter en conta as librarías da cidade?