O Goberno Local anuncia que a Ordenanza do Galego irá a Pleno no primeiro trimestre de 2021 "para cumprirmos os acordos co BNG"

“Agardo que cando cheguemos ao mes de xaneiro podamos falar xa en temos concretos da Ordenanza do Galego e que no primeiro trimestre do ano 2021 iso sexa un feito real, dando cumprimento tamén aos acordos que temos co BNG”.
O Goberno Local anuncia que a Ordenanza do Galego irá a Pleno no primeiro trimestre de 2021 "para cumprirmos os acordos co BNG"

Nestes termos respondeu José Manuel Lage, portavoz do Goberno Local, a unha pregunta formulada por Avia Veira sobre cando pensaba enviar o Executivo coruñés ao Pleno a Ordenanza do Galego.

Na súa intervención, Avia Veira puxo en evidencia que “unha parte importantísima dos concellos galegos contan cunha ordenanza do impulso do galego”, entre elas todas as cidades. Todas menos A Coruña. “Temos que rematar con este tempo en que A Coruña é a excepción. A excepción en ter unha normativa que protexa, que impulse, que regule o uso do galego na nosa administración local e na nosa cidade”, dixo a concelleira nacionalista.

Concedeu Lage que esa situación é unha “anomalía” e acrecentou que o Goberno Local está disposto a que “no século XXI se faga na Coruña” o que noutras cidades se fixo xa no século XX, isto é, dotarse dunha norma que regule o uso do galego na institución local e promova unha política activa de normalización lingüística.

“A nosa maior creación colectiva precisa dunha ordenanza de impulso na cidade. É o noso deber moral e legal. É tamén un acordo de mandato ao que se comprometeu o PSOE co BNG. Déanlle curso a este asunto. Tráiano a Pleno”, concluíu Veira.

 

O Goberno Local anuncia que a Ordenanza do Galego irá a Pleno no primeiro trimestre de 2021 "para cumprirmos os acordos co BNG"