EN RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DO BNG

Sen xestións desde María Pita para a Cruz Vermella reconsiderar o peche do seu centro de día

“O Goberno Municipal falou con Cruz Vermella para coñecer a situación que motivou a decisión [do peche do seu centro de día na Coruña]”.
Sen xestións desde María Pita para a Cruz Vermella reconsiderar o peche do seu centro de día

Esta é a resposta do Goberno Local a unha pregunta formulada polo BNG sobre se ía ou non realizar xestións para a Cruz Vermella reconsiderar a decisión de fechar o seu centro de día na cidade.

Á luz da resposta é obvio que o Goberno Local non fixo ningunha xestión e que se limitou a preguntar por que a Cruz Vermella decidira fechar o seu centro.

Na pregunta que deu orixe a esta resposta do Goberno Local, Francisco Jorquera, portavoz do BNG en María Pita, chamaba a atención sobre o feito de a Cruz Vermella ter tomado a decisión do peche do seu centro de día “sen dialogar coas familias para estudar outras solucións (as persoas usuarias abonan unha cantidade mensual que varía dependendo da contía da súa pensión) e sen facelo tampouco coas administracións”.

Hai que ter en conta que recentemente o Concello incrementou en 100 mil euros a dotación á Cruz Vermella para reforzar o programa de acompañamento a maiores

Remarcaba aínda Jorquera que a Cruz Vermella é perceptora de subvencións quer por parte da Xunta quer por parte do Concello. E non só iso: “no marco das medidas de reforzo das políticas sociais para facer fronte ás consecuencias da Covid-19, o Concello da Coruña decidiu incrementar en 100.000 euros a dotación á Cruz Vermella para reforzar o programa de acompañamento a maiores”.

Isto significa que o Goberno Local tiña argumentos de peso para lograr de Cruz Vermella que reconsiderase o peche. Polo que se ve na resposta nin sequera o intentou.

O BNG tamén inquiría ao executivo coruñés a respecto de se mantivo conversas coa Xunta para que a Administración galega arbitrase solucións que evitasen a desaparición deste servizo. Polo que se deduce do que di o Goberno Local –“O Goberno Municipal vaille solicitar á Xunta que estruture unha política real para os centros de día na cidade”- tampouco neste aspecto se fixo presión desde María Pita para que a Cruz Vermella dese marcha atrás na súa decisión.

 

 

 

 

 

 

 

Sen xestións desde María Pita para a Cruz Vermella reconsiderar o peche do seu centro de día