XUSTIZA SOCIAL

O Goberno local aposta pola beneficencia no canto de políticas activas de inclusión

Venda ambulante na rúa Real
Venda ambulante na rúa Real

Amosámonos moi críticos con que a Marea Atlántica aposte pola caridade aumentando os convenios nominativos con Cáritas un 59% desde 2014

O convenio con Cáritas, que saiu adiante na Xunta de Goberno Local de hoxe, ten unha contía de 125.000 euros fronte aos 60.000 euros de 2014

A falta de concreción do texto do convenio que aprobou hoxe o Goberno municipal, que ten coma finalidade “contribuír ao financiamento do programa de axudas social desenvolvido pola entidade dirixido a persoas en situación de necesidade no municipio da Coruña”, sen que se especifiquen que actuacións concretas se levarán a cabo

Desde a formación nacionalista lembran a necesidade de contar cun Plan de Inclusión Social, de iniciar a descentralización dos Servizos Sociais e devolvelos ao barrios, e de revisar a Ordenanza que regula a Renda Social Municipal

O Goberno local aposta pola beneficencia no canto de políticas activas de inclusión

Diante da aprobación da sinatura dun convenio con Cáritas na Xunta de Goberno Local ordinaria que se celebrou o día de hoxe, amosamos a nosa crítica con que a Marea Atlántica aposte pola caridade aumentando nun 59% a contía do convenio coa entidade relixiosa para financiar axudas sociais.

Así, o convenio con Cáritas aprobado pola Xunta de Goberno ten unha contía de 125.000 euros en axudas sociais, fronte aos 60.000 euros que contiña en 2014, máis do dobre. Asemade, esta cantidade final foi incrementada na Comisión Informativa xa que orixinalmente a proposta de convenio ascendía 100.000 euros.

Cremos que a Área Xustiza Social está eludindo a acción de goberno e a xestión. Está eludindo as súas responsabilidades. E máis, consideramos que está desaparecida: séguese sen elaborar o Plano Inclusión Social que constantemente levamos reclamando desde o comezo de mandato, séguese sen devolver aos barrios os servizos sociais que foron centralizados no mandato do Partido Popular, e malia as nosas interpelacións, con exemplos prácticos no propio Pleno, onde amosabamos denegacións ou minguacións de rendas, séguese sen revisar a Ordenanza que regula a Renda Social Municipal. Asemade, coa autorización do gasto aprobado hoxe evidénciase que Silvia Camean aposta pola caridade e polas dádivas, e non por abordar seriamente os problemas das persoas e realizar políticas activas de inclusión e empoderamento.

Do mesmo xeito, salientamos a falta de concreción do convenio que se formaliza entre o Concello da Coruña e Cáritas Diosecena de Santiago, que tamén se aprobou xunto co gasto indicado, xa que segundo as nacionalistas, non se concretan as actuacións que se levarán a cabo.

Salvo o indicado na cláusula primeira que define que a finalidade do convenio é [sic] contribuír á realización das seguintes actividades: “Contribuír ao financiamento do programa de axudas social desenvolvido pola entidade dirixido a persoas en situación de necesidade no municipio da Coruña”, no texto non se concreta cales serán as actuacións que se levarán ao cabo para as persoas ás que se lles prestará o servizo. Incluso, noutros apartados do convenio considéranse gastos subvencionábeis «gastos de persoal», «gastos profesionais», «subministracións e servizos efectuados por provedores» etc, e mesmo se especifica que poderán chegar a se subcontratar o 50% da actividade subvencionada. Todas estas cuestións son demostrativas de que a Área de Xustiza Social do Goberno da Marea Atlántica non ten como prioridade as políticas sociais, "delega" as súas responsabilidades e aposta pola caridade como acción de goberno.

 

A Coruña, 4 de maio de 2018.