AS PREGUNTAS DO BLOQUE NO PRIMEIRO PLENO ORDINARIO

Resposta do goberno local sobre a situación de Nostián

Jorquera e Avia. Primeiro pleno ordinario. 12 de setembro.
Jorquera e Veira, fotografados antes do comezo do pleno
O grupo municipal do BNG centrou a quenda de perguntas orais do primeiro pleno ordinario do presente mandato na solución aos problemas da planta de residuos de Nostián, a posta en marcha dunha bolsa de vivendas municipais en réxime de aluguer (pactada co PSdeG no acordo de investidura de Inés Rey) e a unificación da rede das bibliotecas municipais através da xestión directa (tamén obxecto de entente co grupo socialista).
Resposta do goberno local sobre a situación de Nostián

Sobre o primeiro asunto, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, atribuíu o que cualificou de “fracaso” de Nostián ao “envellecimento das instalacións”, mais tamén “ao descontrol na separación en orixe dos nosos residuos, do que todas somos responsábeis”.

Na súa intervención, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, non só criticou a voracidade de Sogama, que exixiu unha tarifa “abusiva” para tratar as 12.000 toneladas de rechazos de Nostián –“un prezo quizá pensado para que se forre Naturgy, propietaria do 49% de Sogama”-, senón que tamén puxo o acento en que Gestán, a empresa que finalmente acolle os residuos da planta coruñesa, vai cobrar entre 42 e 45 euros por tonelada ao concello, mentres que polo mesmo traballo percibirá 31 do Consorcio das Mariñas.

A este respecto, a integrante do goberno local non explicou convincentemente esa diferenza de trato de Gestán, claramente discriminatoria co concello da Coruña, e limitouse a argumentar que a empresa que rexe o Centro Xestor de As Pías “acordara ese prezo co Consorcio das Mariñas” antes de que aparecera en escena Nostián, pois naquela altura “nós estabamos vertendo en Irixoa”.

A solución aos problemas de Nostián pasaría en todo caso, explicou a concelleira na súa resposta ao BNG, polo “reto de sacar adiante unha nova planta”. “Imos dedicar todo o noso esforzo na redacción dos pregos [do concurso] para situármonos en posición de producir compost de calidade e mellorar o rendemento xeral de toda a planta”, dixo.

Programa de bolsa de vivenda en réxime de aluguer

O prezo medio dos alugueres na Coruña está nos 700 euros. A Xunta non constrúe vivenda pública na cidade desde 2009. Con estes datos ilustrou a súa pregunta ao goberno local Avia Veira. “Está a traballar xa o goberno municipal na aprobación e posta en marcha dun programa de bolsa de vivenda en réxime de aluguer?”, cuestionou.

A resposta -dada polo concelleiro de Urbanismo, Infraestrutura, Mobilidade e Vivenda Juan Díaz Villoslada- remitiu aos traballos actualmente en curso para a elaboración dun regulamento para Emvsa(Empresa Municipal de Vivendas e Servizos e Actividades) adxudicar vivendas a “colectivos con dificuldades de acceso”.

A ese respeito, a concelleira nacionalista denunciara na súa intervención que “mentres A Coruña atura unha media mensual de 50 procesos de desafiuzamento, a administración local dispón tan só de 410 vivendas destinadas a aluguer social”.

Bibliotecas municipais

A última pergunta en ser formulada polo BNG interesábase por saber se, e tal como se comprometera coa formación nacionalista no Acordo de Investidura, o goberno coruñés vai dar a mellor solución “legal e laboral” posíbel á situación en que se achan as traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais que funcionan en réxime de concesión, visando a unificación da rede através da xestión directa.

“Fomos esixentes coa Marea Atlántica [sobre a xestión directa por parte do concello das bibliotecas municipais] sen acordo escrito e ímolo ser moito máis co goberno socialista por termos, agora si, un acordo escrito”, precisou Avia Veira.

“De feito fixemos esta pergunta após vermos unha entrevista en prensa do concelleiro de Cultura en que parecía que se puña en cuestión o compromiso do goberno asinado con nós”, estendeuse a concelleira do BNG.

Por parte do executivo, o seu portavoz, José Manuel Lage Tuñas, afirmou que o goberno local está comprometido co que chamou “internalización” das bibliotecas e nese sentido esclareceu que “o noso compromiso é que sexa posíbel durante este mandato”.

Resposta do goberno local sobre a situación de Nostián