FACHADA MARÍTIMA

Formulamos no Parlamento de Galiza un proxecto global e incluínte para a Fachada Marítima da Coruña

A nosa portavoz nacional Ana Pontón propón unha fronte común para que o Estado pague Punta Langosteira sen hipotecar o futuro da Coruña

Levamos esta proposta ao Parlamento para frear o protocolo asinado por Xunta de Galiza, Autoridade Portuaria, Portos do Estado e Ministerio de Fomento, que discrimina a Galiza cando hai “choiva” de investimentos noutros territorios

Formulamos no Parlamento de Galiza un proxecto global e incluínte para a Fachada Marítima da Coruña

Propoñemos unha fronte común do Parlamento galego para reclamar do Estado que financie Punta Langosteira sen hipotecar o futuro da Coruña e sen impoñer, coa complicidade do presidente da Xunta, un protocolo que obriga a vender os terreos do Porto coruñés para pagar unha infraestrutura estatal.

A nosa portavoz nacional, Ana Pontón, en rolda de prensa realizada esta mañá na nosa cidade, avanzou que esta iniciativa será defendida na próxima sesión plenaria e incluirá tamén a demanda de devolución á Coruña dos terreos portuarios no minuto cero da súa desafectación, “sen coste algún nin para a cidade, lexitima propietaria, nin para este país”. “Propoñemos un acordo de todos os grupos políticos para defender os intereses da Coruña por riba de partidismos estériles, porque é un debate transcendental para a cidade e para Galiza”, resaltaba Ana Pontón.

Na comparecencia pública coa nosa portavoz municipal, Avía Veira,  Ana deixou claro que non se pode aceptar un protocolo que supón unha chantaxe e unha nova discriminación con este país, ao que se lle “racanean” investimentos mentres outros territorios reciben fondos millonarios.

“Detrás deste protocolo hai unha nova discriminación do Estado coa Coruña e con Galiza, porque pretende financiar o porto exterior a costa de vender terreos da cidade, cando se trata dunha infraestrutura decidida polo Estado xa no Plan Galiza tras o Prestige e, polo tanto, debe se financiada cos orzamentos estatais como se fixo noutros territorios”, alegaba Ana Pontón, tras salientar a “barra libre” que teñen outras comunidades.

“Houbo 786 M€ para o porto de Xixón, 978 para o de Valencia, 1.300 en Barcelona e máis de 2.000 M€ en Bilbao, pero aquí o Estado case non puxo un euro porque o investido corresponde a fondos estruturais europeos que xa lle correspondían a Galiza, e o resto pretende que se pague hipotecando á cidade da Coruña”, citaba como exemplos a nosa Portavoz Nacional, que tamén falou como último caso os 3.000M€ que o Estado pon enriba da mesa para o rescate das radiais madrileñas.

Consideramos que está en xogo o deseño da Coruña do futuro, e non pode estragarse por acordos de fai 15 anos que pretenden reproducir un modelo especulativo fracasado e superado, en referencia a construción masiva de vivendas e de novos centros comerciais que recollen, cando existen modelos alternativos de gran éxito moi próximos para poder estudar, como é o caso de Bilbao e a súa  transformación urbana tras a desafectación dos terreos portuarios.

Hai que ter altura de miras, fuxir de partidismos estériles e man tendida para un debate no que participen todas as administracións implicadas e a cidadanía da Coruña, co obxectivo de definir o modelo de futuro para esta cidade. Equipamentos sociais e urbanos de calidade, infraestruturas para fomentar unha economía baseada no I+D+i ou mellorar a nosa mobilidade interna e coa área metropolitana, son exemplos de mestura de usos para os terreos do porto que nós propoñemos como alternativa á especulación.

A Coruña ten dereito a aproveitar esta extraordinaria oportunidade sen hipotecas.

Santiago de Compostela, 16 de maio 2018.