PREGUNTA ORAL DE JORQUERA NO PLENO DO XOVES 5N

Que fixo o Goberno Local até agora para constituír o consorcio que é clave para a condonación da débeda do porto?

O Goberno español vai condonar a débeda do porto de Valéncia, por volta de 400 millóns de euros, nos orzamentos do Estado para 2021, mais non está disposto a facer o propio co débito da dársena coruñesa.
Que fixo o Goberno Local até agora para constituír o consorcio que é clave para a condonación da débeda do porto?

A desculpa que aduce o Goberno do Estado, e o PSOE, é que a débeda de Valéncia non a contraeu unha Autoridade Portuaria, senón un consorcio con presenza de distintas administracións.

Esta é a razón pola que o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, leva este asunto ao Pleno do Concello do vindeiro xoves. En concreto, o Bloque quere saber que pasos deu o Goberno Local para que se críe un consorcio que impulse a transformación dos terreos do porto interior.

“A escusa que dá o Goberno do Estado é que non pode asumir débedas de autoridades portuarias, si de consorcios. Esta é a mesma desculpa tras a que se parapeta o PSOE coruñés. Ben, pois é moita hora de que nos dea explicacións no Concello sobre que xestións se teñen emprendido, que conversas con outras institucións se teñen establecido, para a constitiución dun consorcio na Coruña”, di Jorquera. “Non abonda con declaracións. As declaracións teñen que viren acompañadas de feitos”, engade.

Coa escusa da non constitución dun consorcio, o Estado condona a Valéncia unha débeda de 400 millóns de euros –“xerada por unha actividade tan produtiva como adecuar o porto para a Copa América e grandes premios de F1”, ironiza Jorquera-, mentres que se resiste a facer o propio co débito do porto coruñés, contraído pola construción dunha obra de titularidade estatal, a dársena de Punta Langosteira.

“Non abonda con declaracións. As declaracións teñen que viren acompañadas de feitos”

“E non só non se condona a débeda”, denuncia Jorquera, “senón que aínda por riba non se acomete con decisión a construción do enlace ferroviario co porto exterior. A partida que vai nos orzamentos para 2021 é absolutamente ridícula. Non é viábel Punta Langosteira sen camiños de ferro. Non o é ningún porto exterior”.

“Acometer o acceso ferroviario é imprescindíbel para reubicar a estación de mercadorías de San Diego e para facer posíbel a transformación dos terreos do porto interior, que teñen que estaren ao servizo das coruñesas e dos coruñeses, coa creación de zonas verdes, a dotación de novos equipamentos públicos, e naturalmente co veto a calquera manobra especulativa, a calquera intento de pelotazo”, conclúe Jorquera.

 

 

Que fixo o Goberno Local até agora para constituír o consorcio que é clave para a condonación da débeda do porto?