ORZAMENTOS MUNICIPAIS

O Executivo da Marea Atlántica perdeu a última oportunidade para elaborar un documento que puidera ser aprobado por unha ampla maioría no Pleno

Avia Veira accedendo ao salón de plenos do Concello antes da celebración dunha sesión
Avia Veira accedendo ao salón de plenos do Concello antes da celebración dunha sesión

Outro ano máis no BNG coñecemos os investimentos dos orzamentos municipais a través dos medios de comunicación; cremos lamentábel que o Goberno municipal chegue ao último ano de mandato sen tentar, canto menos, acadar o máximo de apoios para, xa que non presentou os orzamentos a tempo, canto menos, pechar cunha ampla maioría as últimas contas deste mandato

A actual prórroga inxustificada dos orzamentos de 2018 é síntoma inequívoco da falta de xestión da Marea Atlántica e cre que a proposta que finalmente se tramite volverá a incidir nas mesmas eivas dos anos anteriores onde non se incluíron os investimentos necesarios para os barrios e as rúas da cidade, para as instalacións municipais, para os Mercados Municipais, para os CEIP etc

Lamentamos, segundo o aparecido nas informacións periodísticas que avanzan estes investimentos, que neste mandato, o único grande investimento realizado sexa a reforma das cubertas de Riazor

O Executivo da Marea Atlántica perdeu a última oportunidade para elaborar un documento que puidera ser aprobado por unha ampla maioría no Pleno

Vimos de valorar esta maña o avance, a través dos medios de comunicación, do anteproxecto dos orzamentos municipais nos que está a traballar o Goberno municipal.

Neste sentido, consideramos inadmisíbel que sexa a través dos medios informativos a canle pola que obtemos as primeiras achegas a respecto das contas que se pretenden aprobar, despois de que a mediados do mes pasado fixeramos público que, á aquela altura, o propio Goberno municipal recoñecía que o expediente administrativo do Orzamento Xeral do Concello para 2019 atopábase na fase de elaboración e que non existía documentación con carácter definitivo que puideran trasladar.

Outro ano máis no BNG coñecemos os investimentos dos orzamentos municipais a través dos medios de comunicación; cremos lamentábel que o Goberno municipal chegue ao último ano de mandato sen tentar, canto menos, acadar o máximo de apoios para, xa que non presentou os orzamentos a tempo, canto menos, pechar cunha ampla maioría as últimas contas deste mandato.

Neste sentido, a principal actuación que presuntamente se recolle para as contas deste ano é o acondicionamento do cruzamento entre a avenida de Fisterra e a rolda de Nelle, proposta realizada por nós para os orzamentos de 2018, polo que é evidente que se se tivera trasladado o documento do anteproxecto dos orzamentos ás forzas políticas da oposición con tempo para tentar facer achegas e negociando as propostas destas, poderíase, a esta altura, ter elaborado un documento máis completo, e, sen lugar a dúbidas, cun amplo consenso.

Do mesmo xeito, temos que recalcar que á situación actual (cos orzamentos de 2018 prorrogados, malia que a 1 de xaneiro xa se deberían ter aprobado as contas do ano actual) amosa, de xeito inequívoco, e por cuarto ano consecutivo, a falta de xestión da Marea Atlántica.

Moito nos tememos que se volverán a cometer os erros pasados e que a proposta que finalmente se tramite incidirá nas mesmas eivas dos anos anteriores onde non se incluíron os investimentos necesarios para os barrios e as rúas da cidade, para as instalacións municipais, para os Mercados Municipais, para os CEIP etc.

Por último, lamentamos, segundo o aparecido nas informacións periodísticas que avanzan estes investimentos, que neste mandato, o único grande investimento realizado sexa a reforma das cubertas de Riazor.

 

A Coruña, 3 de xaneiro de 2019.