PLENO

Outro espectáculo no Pleno desta volta en prexuízo dos barrios

Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación
Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación

É incomprensíbel que alguén pida aumentar o gasto en pagarlle a débeda aos bancos cando a débeda que é urxente saldar é a que ten este Goberno Municipal cos barrios e a proposta que foi hoxe a pleno obrigaba a investir arredor de 7 millóns de euros en melloralos

O noso voto a favor do modificativo de crédito para empregar o superávit en investimentos nos barrios veu dado porque entenden son urxentes e porque o Goberno local, a través da emenda presentada, eliminou os investimentos na planta de tratamento de lixo de Nostián, algo que as nacionalistas demandaran xa que entenden que os debe facer a empresa concesionaria

Outro espectáculo no Pleno desta volta en prexuízo dos barrios

Diante do acontecido no pleno do día de hoxe queremos amosar a nosa sorpresa porque o Grupo Municipal Socialista pedise aumentar o gasto en pagar débeda fronte ao investimento nos barrios xa que para nós  a débeda que é urxente saldar é a que ten este Goberno Municipal cos barrios e a proposta que foi hoxe a pleno obrigaba a investir arredor de 7 millóns de euros en melloralos.

A nosa concelleira Avia Veira, que lembrou que hoxe é o Día Mundial da Filosofía, salientou que a “crítica é imprescindíbel para avanzar e progresar”. E aludiu a que o Goberno Local non se ía librar da crítica malia que o BNG fose votar a favor da proposición de destinar o superávit para investimentos nos barrios.

É e que lembramos que algúns dos investimentos que se incluían no modificativo que se debateu hoxe no pleno formaba parte das 57 actuacións anunciadas polo concelleiro de Rexeneración Urbana a mediados de 2016 e que se executarían durante aquel ano. Amais, a nosa concelleira sinalou que algunhas das actuacións veñen a pleno dentro das propostas do Goberno Local só porque nós  facemos fincapé nelas e rexistramos iniciativas para dar conta das necesidades dos barrios.

Actuacións como a mellora do firme do segundo tramo da rolda de Outeiro, a mellora do alumeado do parque Europa son exemplos de actuacións anunciadas para 2016 e que levan dous anos de retraso.

Entendemos, asemade, que actuacións precisas nos barrios, como a renovación do firme do polígono dos Rosales, aparecen na proposta do Goberno da Marea Atlántica porque rexistramos unha iniciativa precisamente sinalando o abandono do barrio e a necesidade de actuar alí.

Para concluír, o noso  voto a favor veu dado porque entendemos que os investimentos nos barrios son urxentes e porque o Goberno local, a través da emenda presentada, eliminou os investimentos na planta de tratamento de lixo de Nostián, algo que demandaramos xa que entendemos que os debe facer a empresa concesionaria.

Cremos que as cousas hai que facelas ben e que, se desde a Concellaría de Medio Ambiente se está a traballar na modificación das condicións do contrato de concesión na planta de tratamento de lixo de Nostián en todo caso terá que ser esa modificación do contrato a que posibilite que o Concello faga investimentos na planta. Co contrato actual: quen está obrigada a investir na planta é Albada.

A Coruña, 16 de novembro de 2017.