Entrevista a Avia Veira: "Quero ser a voz da mocidade"

Entrevista a Avia Veira: "Quero ser a voz da mocidade"

Avia Veira González, (A Coruña, 1986) é a nova concelleira do BNG na Coruña, en substitución de Xan Caxigal. Moza, nai e filóloga, está disposta a erixirse como voz da mocidade no Concello da Coruña, sempre da man dos movementos sociais e coa defensa do traballo digno e na terra como obxectivo.

Que lle vas a achegar á política municipal?

Penso que lle podo achegar frescura, unha perspectiva xuvenil en toda canta acción desenvolva o BNG no seu labor de control ao Goberno municipal. Quero ser a voz da mocidade no Concello da Coruña.

Cales van ser as túas prioridades como concelleira do BNG?

A miña prioridade, como representante do Bloque, vai ser fiscalizar e controlar ao máximo o Goberno municipal, presionarlle as torcas a Negreira e os seus secuaces, darlles caña. E este labor institucional ten, necesariamente, que combinarse con estar na rúa, coas asociacións de veciños, xuvenís, deportivas… e coas persoas que están a sufrir máis a crise, nomeadamente, a mocidade, avocada ao paro e sen posibilidades de acceder en igualdade de condicións a un ensino público e de calidade.

E que radiografía fas da situación da mocidade no noso país?

Cun 40% da mocidade no paro e lonxe de medidas que corrixan isto, aos mozos e ás mozas só nos queda dúas alternativa: emigrar e, @s que teñen “sorte”, traballar en precario. Estamos descabezando Galiza: a xente nova marcha en busca dun emprego, porque, dadas as políticas do PP, aquí non hai opción de atopar un posto de traballo. Vexo ao meu redor e o panorama é desesperante: a maior parte das miñas amizadas están fóra. Así que ningún político do PP pode dicir que marchamos en busca de aventura. A aventura real é atopar un traballo digno na terra. Para inverter esta situación é necesario que Galiza teña capacidade de decidir sobre os seus recursos e sectores produtivos, o seu territorio, a súa fiscalidade…

Que balance fas do traballo Grupo Municipal do BNG?

Considero que estamos no camiño de defender os intereses reais da maior parte do pobo e que esta é a liña que hai que seguir: defensa do emprego de calidade, dos sectores produtivos do país e dos servizos públicos, sempre en colaboración cos movementos sociais. Non pode haber política transformadora sen os movementos sociais e o BNG na Coruña ten que ser exemplo de colaboración coa sociedade. Temos que ser unha forza transformadora con políticas participativas. Non entendo nin a actividade política nin o Bloque sen esta participación porque nós somos a correa de transmisión do pobo.

Como se traslada a colaboración cos movementos sociais no día a día do Grupo Municipal do BNG?

No BNG tentamos contrastar sempre cos movementos sociais as nosas iniciativas. Precisamente, no Pleno en que tomei posesión como concelleira presentamos dúas mocións que estaban contrastadas cos movementos afectados polos desafiuzamentos e polas novas taxas xudiciais. Tamén actuamos como interlocutores dos movementos veciñais para facerlle ao Goberno municipal toda canta pregunta sexa necesaria para resolver os seus problemas. E, ademais, aínda sen responsabilidades no goberno, estamos a executar o programa electoral que elaboramos conxuntamente cos movementos sociais.

Que nota lles pos ao PP e a Negreira no seu ano e medio de goberno na cidade da Coruña?

Un cero redondo. O PP e Negreira fan unha política totalmente ineficaz. Descubrimos todos os días dispendio económico tras dispendio económico e favores aos amigos poderosos, sen ningún rubor. Mentres, hai máis de 23.000 paradas e parados e un 20% da cidadanía da Coruña en risco de pobreza. A súa “austeridade”, que provoca asfixia social, fai máis ric@s @s ric@s e máis pobres @s pobres, elimina o benestar social e destrúe postos de traballo, a un ritmo de dez ao día, tal e como vimos de comprobar cos datos do paro deste último mes.

Que precisa A Coruña con urxencia?

Medidas concretas de promoción de emprego e de dinamización dos sectores estratéxicos da cidade (comercio, hostalaría, actividades marítimo-pesqueiras, ría do Burgo, polígonos industriais ou universidade), un plan de mobilidade metropolitano e unha actuación comarcal que lle aforre cartos ao pobo. E, sobre todo, é necesario que o PP deixe de facer negocios para os seus amigos poderosos, baixe á rúa e se poña as pilas cos problemas reais da xente.

Entrevista a Avia Veira: "Quero ser a voz da mocidade"