CONTRATAS MUNICIPAIS

A empresa Clece SA ademais de explotador ao seu cadro de persoal recorre decisións do Pleno do Concello da Coruña

Avia Veira e representantes das traballadoras e traballadores de Clece SA falando mentres se producía unha protesta diante do Concello
Avia Veira e representantes das traballadoras e traballadores de Clece SA falando mentres se producía unha protesta diante do Concello

Non deixaremos de defender os intereses das traballadoras e traballadores que se atopen en situación de explotación laboral e vulneración dos seus dereitos. Onde faga falla e contra quen faga falla. Temos ben claro que a nós non se nos amedrenta e temos ben claro a quen temos que defender

Xa anunciamos o noso voto a favor na comparecencia do Concello da Coruña no recurso promovido por Clece SA contra o acordo do Pleno onde se aprobou a moción do BNG de apoio ao cadro de persoal desta empresa que hoxe en día presta o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III)

A empresa Clece SA ademais de explotador ao seu cadro de persoal recorre decisións do Pleno do Concello da Coruña

Vimos de reafirmar o noso compromiso para coas traballadoras e traballadores que na actualidade sufran explotación laboral e vulneración dos seus dereitos fundamentais, así como a nosa firme decisión de defender de xeito inequívoco os intereses da clase traballadora perante as agresións que de cotío están recibindo por parte de empresas, como no caso Clece SA.

E é que este vindeiro luns, o Pleno vai debater a comparecencia do Concello da Coruña no recurso promovido por Clece SA contra o acordo do Pleno onde se aprobou a moción do propio BNG de apoio ao cadro de persoal desta empresa que hoxe en día presta o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III), cuestión, da que xa adiantamos, votaremos a favor.

Aquela moción (aprobada por unanimidade, podes vela premendo aquí), na que entre outras cuestións se amosaba o rexeitamento as prácticas laborais de Clece SA e se lle propoñía a declaración como empresa en situación de prohibición para a súa contratación co sector público, fora presentada por nós despois de recoller as constantes denuncias que o cadro de persoal realizou a respecto da vulneración de dereitos que estaban a sufrir, co agravante de ser unha empresa que está a prestar servizos para as administracións públicas.

Nós témoo claro: o BNG non deixará de defender os interesas das traballadoras e traballadores que se atopen en situación de explotación laboral e vulneración dos seus dereitos. Onde faga falla e contra quen faga falla. Temos ben claro que a nós non se nos amedrenta e temos ben claro a quen temos que defender.

A Coruña, 28 de xuño de 2017

 

Noticias relacionadas: