PLENO DO CONCELLO

O emprego na cidade, o transporte público e os orzamentos participativos as preguntas orais para o Pleno de maio

Protesta diante da oficina emprego de Monelos
Protesta diante dunha oficina emprego

Vimos de presentar as que serán as nosas preguntas para a resposta oral no vindeiro Pleno ordinario de maio que se celebrará o luns 8.

Solicitamos explicación sobre a suba de máis de 3 puntos da taxa do paro rexistrada na EPA na cidade, a situación despois de 6 meses desde a aplicación do Regulamento (CE) 1370/2007 e sobre a regulación da participación na elaboración dos orzamentos municipais

O emprego na cidade, o transporte público e os orzamentos participativos as preguntas orais para o Pleno de maio

Deste xeito, na nosa primeira pregunta, trasladamos para debate a suba de máis de 3 puntos da taxa do paro rexistrada na Enquisa de Poboación Activa que este pasado xoves foi publicada.

Non é a primeira vez que preguntamos en Pleno sobre as actuacións que o Goberno municipal desenvolve en materia de emprego, así como trasladamos diversas propostas como as realizadas para os orzamentos de 2017 e centradas en investimentos para un Plano de Industrialización para a Coruña, a posta en marcha dun Banco de Baixos Comerciais ou a recuperación do Alén Oulet, entre outras.

Demandamos do Goberno municipal que explique que intervencións ten pensado realizar en materia de emprego. Os datos da EPA son moi alarmantes, que xunto cos datos do paro rexistrado, amosan unha tendencia preocupante que esixe de todas as administracións unha implicación máxima. No BNG temos claro que o inmediato pasa pola derrogación das sucesivas reformas laborais, mais tamén existen políticas a nivel local que non se están realizando e que inciden no emprego directamente, e na Coruña está sucedendo que a Concellaría de Emprego está desaparecida.

A respecto da segunda pregunta, levamos de novo ao Pleno a mobilidade e o transporte colectivo urbano, xa que logo queremos que o servizo pase a ser de xestión pública municipal.

Así, e xa pasados case seis meses desde a aplicación do Regulamento (CE) 1370/2007, polo que se daba por extinta a concesión do servizo de transporte público urbano na Coruña e a aprobación, en Xunta de Goberno, dunha prórroga á propia Compañía de Tranvías, queremos saber cal é a situación na actualidade.

No Pleno de decembro de 2016, na que precisamente se nos foi rexeitada unha moción na que se solicitabamos o posicionamento en contra desa prórroga, o concelleiro de mobilidade, Daniel Díaz sinalaba que o Goberno local realizaría os informes precisos coa esixencia de dar, a un ano vista dese final da propia prórroga, o anuncio da nova licitación de acordo ao documento final da Unión Europea (…), cun modelo de marco de xestión do transporte público intentando ou facendo prevalecer o interese xeral municipal, non deixando unha mochila, a trampa a futuros gobernos municipais (…) non deixando un novo Someso, un novo edificio Fenosa ou un novo Nostián.

Mais a volta de seis meses cremos máis que oportuno que a Concellaría de Mobilidade explique publicamente a situación deses «informes», o estado no que están, así como que vaia avanzando que ideas manexa ao respecto. Que o transporte colectivo na cidade da Coruña sexa de xestión pública municipal é unha decisión política que lle compete a este Goberno.

Por último, tamén interesamonos, na última pregunta para a súa resposta oral, polos orzamentos participativos.

Neste caso, queremos saber se o Goberno da Marea ten pensado regular a participación na elaboración dos orzamentos municipais, xa que logo, e despois de dúas formulacións distintas nestes dous anos, e sen que se teñan feito propostas en firme para a reforma do Regulamento de Participación e do Regulamento Orgánico, entendemos que o sistema implantado non responde a unha verdadeira participación cidadá na que a veciñanza poida de xeito directo xestionar e decidir en como destinar investimentos.

Fotografía dunha das reunións nos barrios que organiza o Goberno municipal baixo o formato

Novamente abriuse nunha páxina web a recollida propostas, agora coa variábel dos distritos incorporada, para logo peneirarse e proceder a que a xente vote, sen criterios de corresponsabilidade, xestión, decisión e participación real na elaboración e definición de investimentos. Entendemos que este non é xeito de facer democracia real e que non se lles pode chamar «orzamentos participativos». E seguimos entendendo que a única fórmula posíbel será a través das reformas dos regulamentos de participación e orgánico, e garantindo os mecanismos e os órganos necesarios. Mentres, cremos que se está improvisando.

O emprego na cidade, o transporte público e os orzamentos participativos as preguntas orais para o Pleno de maio