OLALLA RODIL: "FOI E CONTINÚA A SER SÍMBOLO DA LOITA LABREGA, DO NACIONALISMO, DA PROPIA GALIZA"

Emotivo tributo á memoria de Moncho Valcarce, "un símbolo da Galiza viva e combativa"

M. Valcarce 2
Asistentes á homenaxe
Un cento de persoas renderon hoxe un emotivo tributo á memoria de Moncho Valcarce (1935-1993) con motivo do seu 27 cabodano. O Cemiterio de Santo Amaro acolleu o acto, organizado polo grupo de barrio do BNG de Monte Alto. Nel tomou a palabra a viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Olalla Rodil, quen definiu Moncho Valcarce como “un galego de acción e de corazón. Un símbolo da Galiza viva e combativa”.
Emotivo tributo á memoria de Moncho Valcarce, "un símbolo da Galiza viva e combativa"

O acto presentouno o responsábel do grupo de barrio de Monte Alto, André Laxe, quen antes de dar paso á intervención de Olalla Rodil, leu un fragmento dun artigo escrito polo dirixente histórico das Comisións Labregas Emilio López, Milucho, dedicado ao popularmente coñecido como Cura das Encrobas: “Os revolucionarios son humildes e serviciais. E viven e morren humildemente”. O propio Milucho, quen recibiu o carnet das Comisións Labregas das mans de Valcarce, foi obxecto tamén na mañá deste sábado dunha homenaxe en Lugo pola súa achega á construción do sindicalismo nacionalista no campo.

Moncho Valcarce 4“Teño o corazón partido”, confesou Olalla Rodil. “Moi gostosa tería participado tamén na homenaxe que hoxe a Fruga lle tributa a Milucho. Mais de camiño aquí á Coruña vin reflexionando sobre que hai un fío que nos une hoxe a través destas dúas persoas. Persoas absolutamente imprescindíbeis para entender o nacionalismo galego e a historia do sindicalismo agrario no noso país”, dixo.

“Só podo darche, Señor, as grazas por ser galego”, adoitaba dicir na intimidade Moncho Valcarce, segundo escribiu “hai anos” no Sermos Galiza Ramón Muñiz, evocou Olalla Rodil, quen a seguir fixo un certeiro retrato da persoa a quen se rendía tributo. “Moncho era un home popular. Crente. E sobre todo profundamente humanista. Do pobo e para o pobo. Cunha profunda conciencia de clase”.

Moncho Valcarce 2

Un referente tamén para as novas xeracións, das que Olalla Rodil é unha destacada representante. “Se algo aprendeu a miña xeración de Moncho Valcarce é que as conviccións, os ideais, a ideoloxía e a militancia non se agochan”, dixo a viceportavoz parlamentar do BNG, para quen “nada hai máis ditatorial que a censura auto-inflixida, e pouco democrática é a sociedade que criminaliza ou persegue as ideas cando estas son profundamente emancipadoras e democráticas e as de Moncho Valcarce, as nosas, sono”.

Hai un episodio que marcou a lume a biografía de Moncho Valcarce. A loita das Encrobas. “unha loita popular, a da tribo, que diría Manuel María, fronte ao espolio e á depredación, na defensa da Terra. Un pobo erguido coas mulleres como vangarda”, enfatizou Rodil. 

Moncho Valcarce 3“O poder alleo e o franquismo”, relatou, “converteron Galiza pola forza en grande produtora de enerxía. E a que prezo! Expulsaron comunidades das súas casas, terras e aldeas, para as abrir en canal e as pór ao servizo do capitalismo máis salvaxe”. “E entre aquelas mulleres e homes, paraugas en mans, un crego, Moncho Valcarce, un nome que se repetiría en Xove, Baldaio, nas Comisións Labregas, en cada conflito e loita”, evocou. Porque, e aquí citou Rodil unha das frases favoritas do crego, “a paz non é orde, senón xustiza”.

Todo isto fai de Valcarce “un símbolo da loita labrega, do sindicalismo agrario, do nacionalismo galego e da propia Galiza”. “Un home atípico”, retratou Rodil, “nado na cidade da Coruña no seo dunha familia acomodada, estudante de Dereito e de Teoloxía en Roma e Compostela que remataría por ser un crego militante, un crego galego, dicía el, un labrego, un bloqueiro”. “Foi a forza das súas conviccións a que lle permitiu na súa vida superar censura, desterro, ameazas de morte, detencións e tortura”, acrecentou. “Non prego, Señor”, escribiu, “que mates o meu medo, prégoche azos para asumilo”.

Moncho Valcarce 1“Homenaxear hoxe Moncho Valcarce é un acto de dignidade colectiva, imprescindíbel para lembrarmos quen somos e de onde vimos, imprescindíbel para a miña xeración saber quen nos trouxo aquí”, recapitulou a viceportavoz parlamentar. E concluíu deste xeito: “E a nosa responsabilidade que nomes como Moncho Valcarce ou Milucho teñan o recoñecemento que merecen e ocupen o lugar que lles corresponde na extensa xenealoxía do nacionalismo galego. Porque, como di Lois Diéguez, as novas xeracións necesitan coñecer en profundidade as súas raíces e os nomes dignos que deu a súa Patria”.

O himno galego, cantado con emoción a seguir os acordes da gaita de Moncho do Orzán, puxo o ramo a un acto que demostrou que o legado de Valcarce continúa presente no corazón do nacionalismo galego.

Emotivo tributo á memoria de Moncho Valcarce, "un símbolo da Galiza viva e combativa"