SERVIZO DE SOCORRISMO

Detectamos incumprimentos moi graves no servizo de socorrismo das nosas praias

Un dos momentos da rolda de prensa ofrecida esta mañá pola nosa concelleira Avia Veira
Un dos momentos da rolda de prensa ofrecida esta mañá pola nosa concelleira Avia Veira

Por responsabilidade achegamos a Alcaldía toda esta serie de incumprimentos polos que demandamos que o Goberno municipal xa debe tomar unha decisión contundente. Entendemos que o Executivo, en función destas achegas, actuará en consecuencia e non permitirá que a empresa continúe xestionando o servizo durante 2017

Realizamos esta mañá unha rolda de prensa na que denunciamos unha serie de incumprimentos no servizo de socorrismo da cidade que tiveron lugar durante o ano 2016 e das que tivemos coñecemento recentemente.

Do mesmo xeito vimos de poñer en coñecemento de Alcaldía, a través dun escrito rexistrado tamén pola mañá no que recollemos todos os incumprimentos dos tivemos probas documentais e polos que demandamos que se actúe en consecuencia.

Detectamos incumprimentos moi graves no servizo de socorrismo das nosas praias

Por responsabilidade, achegamos esta mañá en documento rexistrado e dirixido á Alcaldía (podes velo premendo aquí), toda unha serie de presuntos incumprimentos que demandamos que se investiguen e que se tomen en consideración para, se procede, o Goberno Local actúe.

En relación aos incumprimentos en materia laboral que veu realizando a empresa Move Servicios de Ocio y Deporte SL cremos que é necesaria unha intervención e que o Goberno municipal xa debe tomar unha decisión contundente. Entendemos que o Executivo, en función destas achegas, actuará en consecuencia e non permitirá que a empresa continúe xestionando o servizo durante 2017.

Así, e segundo ás informacións ás que tivemos acceso moi recentemente, a empresa adxudicataria do Servizo de Salvamento, Socorrismo, Vixilancia e Primeiros Auxilios nas Praias da Coruña, Move Servicios de Ocio y Deporte SL incumpriu varios preceptos recollidos nos pregos de contratación que regularon a contratación pública deste servizo.

Foto dun socorrista na praia do Orzán

Deste xeito, denunciamos que a empresa incumpriu a lexislación vixente sobre dereito laboral e seguridade social ao impoñer unha xornada laboral completa aos socorristas no seu contrato por un total de 40 h semanais rexidos teoricamente polo Convenio Colectivo de Instalacións Deportivas de Galicia, cando dito convenio estabelece a xornada completa en 38 h sen pagar a diferenza, que serían consideradas horas extras.

Asemade, tamén a empresa realizou incumprimentos en materia de xornada laboral contrastados xa que logo a Inspección de Traballo iniciou actuacións inspectoras en setembro do ano pasado e polos que esta procedeu regulamentariamente (podes ver o informe premendo aquí).

Tivemos acceso tamén ao cuadrante de persoal no que se pode constatar que a empresa tiña traballando nos areais só ao persoal mínimo que recollen os pregos, que explicita que desde as 11:00 h até as 21:00 h ten que haber un número concreto de persoas nas praias prestando o servizo.

Exemplo práctico: se os pregos establecen que de 11:00 h a 21:00 h na praia de Santo Amaro ten que haber 3 socorristas e a empresa só ten -como demostra o cuadrante- 3 socorristas: que pasa cando un socorrista toma o tempo de descanso que lle corresponde ou cando se toma o tempo que lle corresponde para comer? Pois que a praia queda con 2 socorristas, 1 menos dos que como mínimo marcan os pregos. Outra opción, consecuencia de que a empresa só tivese nos areais o mínimo establecido nos pregos, é que os socorristas non se puidesen tomar o seu descanso ou o seu tempo para comer a fin de que si se cumprise co número mínimo de socorristas nese areal e estabelecidos no prego, nese casos estarían cumprindo en canto aos efectivos mais incumprindo en canto a dereitos laborais.

Acceso á praia do Matadoiro

Como proba disto, achegamos o propio cuadrante da empresa (podes velo premendo aquí)  no que aparece o persoal en areais na cantidade mínima recollida nos pregos sen ningún outro persoal que poida cubrir os descansos e os tempos para comer, o cal implicaría, ou ben por unha banda un incumprimento da lexislación laboral, un risco e unha merma na calidade do servizo debido á fatiga física e psicolóxica que os e as socorristas soportan cada día por traballaren sen os descansos preceptivos ou, pola outra banda, unha diminución de efectivos por debaixo do estabelecido no prego.

Solicitamos tamén, no escrito que remitimos a Alcaldía, que o Goberno local investigue unha serie de incumprimentos dos que só tivemos coñecemento a través de persoal que traballou no servizo, entre eles: a contratación de socorristas sen experiencia que obtiveron a titulación moi pouco tempo antes da selección de persoal cando nos pregos técnicos (páx. 10 do Prego de Prescricións Técnicas) se estabelecían que o persoal debía ter experiencia en socorrismo acuático, ou que os patróns non tiñan a titulación requirida pola Dirección Xeral da Mariña Mercante para o manexo das embarcacións das que dispoñía o servizo (Resolución de 9 de marzo de 2015 da Dirección Xeral da Mariña Mercante, BOE 3 de abril de 2015) (páx. 10 do PPT).

Canto a isto, solicitamos no escrito rexistrado que o Goberno verifique isto a través da petición das titulacións do persoal que traballou no Servizo de Salvamento, Socorrismo, Vixilancia e Primeiros Auxilios nas Praias da Coruña durante 2016 xa que se trataría de novo dun incumprimento cualificado nos pregos como “moi grave” e que suporía tamén un risco e unha merma na calidade do servizo.

En definitiva, solicitámoslle ao Goberno local que, en función da importancia e do sensíbel que é o Servizo de Salvamento, Socorrismo, Vixilancia e Primeiros Auxilios, teña en conta esta información para que, se procede, rescinda a concesión por todos os incumprimentos expostos e que os propios pregos que regularon a concesión cualifica como moi graves.

A Coruña, 31 de marzo de 2017

Captura de parte dos Pregos coas consideración