TRANSPARENCIA

Os destinos da Marea seguen ampliándose sen saber que función teñen as súas viaxes

Seguimos sen entender o obxecto da maioría das viaxes que realiza o Goberno municipal, e o que é peor, ninguén é capaz de observar en que lle rende á Coruña. Preguntámonos para que se viaxa cando existen moitas áreas do Goberno cunha evidente inacción e falta de xestión sobre os problemas do día a día na cidade

Realizamos esta mañá unha rolda de prensa na que dimos conta da actualización do noso informe sobre as viaxes que realiza o Executivo da Marea Atlántica destacando que xa superaron os 300.000 quilómetros, o que supón, en conxunto, 444 días fora da cidade

Os destinos da Marea seguen ampliándose sen saber que función teñen as súas viaxes

Vimos de realizar esta maña unha rolda de prensa na que actualizou os datos do noso informe a respecto das viaxes que está realizado durante o presente mandato o Goberno da Marea Atlántica, e que xa denunciabamos a mediados do ano pasado.

Deste xeito, ampliamos os datos, que compilamos a través das resolucións e decretos que se levan a información previa a celebración de cada Pleno, e nas que destacan que a esta altura as viaxes xa superaron os 300.000 quilómetros, o que supón, en conxunto, 444 días fora da cidade.

Neste sentido, entendemos que é incomprensíbel que os membros do Goberno municipal estean a visitar outras cidades do Estado español ou de Europa cando existen moitas áreas de goberno que deixan moito que desexar a respecto da súa xestión, amosando estas viaxes unha evidente deixación de funcións e unha prioridade inexplicábel por participar de foros, congresos e xornadas, que pouco ten a ver logo con políticas que se poidan aplicar na cidade.Momento da rolda de prensa realizada polo Grupo Municipal

Seguimos sen entender o obxecto da maioría das viaxes que realiza o Goberno municipal, e o que é peor, ninguén é capaz de observar en que lle rende á Coruña. Preguntámonos para que se viaxa cando existen moitas áreas do Goberno cunha evidente inacción e falta de xestión sobre os problemas do día a día na cidade”, denunciaba Avia Veira durante a súa comparecencia.

Así, a nosa compañeira Avia Veira, debullaba na súa comparecencia os datos, recollidos até o 28 de febreiro deste ano (polo que faltan por contabilizar os meses de marzo e abril), e subliñaba que neste ultimo ano as viaxes realizadas chegaron a case os 80.000 quilómetros, en 55 viaxes máis ás xa 196 realizadas durante os dous primeiros anos de mandato, e 103 días fora da cidade, acumulando xa eses 444 días no conxunto dos tres anos desde a toma de posesión do Goberno local.

Os concelleiros que máis viaxaron neste ultimo período contabilizado foron o alcalde, Xulio Ferreiro, con 8 viaxes e 18 días fora da cidade, a concelleira Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversiade, con 8 viaxes tamén mais con 14 días fóra da cidade, Alberto Lema, concelleiro de Emprego e Economía Social, que realizou 7 viaxes, permanecendo 17 días fóra, e Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración urbana que fixo 5 viaxes que lle supuxeron unha estancia de até 9 días fóra da Coruña.

En total, no que levamos de mandato, tanto Xulio Ferreiro como Alberto Lema teñen xa superado os 50.000 quilómetros en desprazamento, sendo Claudia Delso a terceira concelleira máis viaxeira, superando xa os 35.000 quilómetros. A este respecto sinalamos a contradición que existe entre as viaxes que realiza e a situación dos barrios; Claudia Delso é a concelleira de Participación e Innovación Democrática e onde debe estar é nos barrios e xunto coas entidades e asociacións, acompañándoas, axudándolles e, en definitiva, apoiando o seu traballo, e cremos que primeiro se deben facer os deberes na cidade antes que andar visitando outros lugares.

Outro dos momentos onde Avia Veira presenta a actualización do informe das viaxes

Por último, tamén expuximos os datos do persoal asesor, destacando as viaxes de Iago Martínez, asesor da área de Alcaldía, que supera os 20.000 quilómetros repartidos en 18 viaxes, o que supón ser a cuarta persoa máis viaxeira de todo o conxunto de membros do Executivo da Marea Atlántica, por riba incluso do resto das sete concelleiras e concelleiros restantes.

Para que viaxa tanto o Goberno municipal? Cal é o obxectivo destas viaxes? Que réditos obtén a cidade de todas estas viaxes? Tomou nota o Goberno local dalgunha das políticas que se practican nestas cidades que se visitan para aplicalas na Coruña? Ou acaso ten o Executivo da Marea Atlántica un modelo de cidade que exportar e que ensinar en todos estes lugares que visita? Preguntámonos todo isto, mais cremos que nin toma nota do que vai a visitar, nin aplica aquí o que vai observar fóra, e menos aínda, ten nada que ofrecer aos lugares aos se viaxa.

As infografías cos datos que inclúe o noso informe máis a súa actualización podes descargalas dos seguintes enlaces:

- Infografía de 2017 en formato jpg: https://drive.google.com/open?id=0Byms2PHRb4h4Rmp4V1pMQldCckE  

- Infografía de 2017 en formato pdf: https://drive.google.com/open?id=0Byms2PHRb4h4WnhZeWl3MmZqTUk

- Infografía de 2018 (actualización) en formato jpg: https://drive.google.com/open?id=1qTCQ1x96gSJGXayr8fifdjyBWHZl72wt 

- Infografía de 2018 (actualización) en formato pdf: https://drive.google.com/open?id=1XywEW7RYhv7XG05IhEv51y1EAVq-FgA3

A Coruña, 08 de maio de 2018.

 

Artigos relacionados: