Dereitos Humanos de Filipinas ve no asasinato de Diego Bello unha execución extraxudicial e o BNG pide máis presión sobre Manila

Unha mobilización de #XustizaparaDiego
Unha mobilización de #XustizaparaDiego
A Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas cuestiona a versión oficial sobre o asasinato do cidadán coruñés Diego Bello e conclúe que a súa morte, ocorrida o pasado 7 de xaneiro, podería considerarse como “unha execución extraxudicial” perpetrada por un operativo da policía filipina. Así aparece nun informe desta comisión, un órgano creado ao amparo da Constitución do país asiático. Vistas as conclusións deste traballo, o BNG vai rexistrar iniciativas no Concello e no Congreso para que se intensifiquen as presións políticas do Estado español sobre Manila visando que se faga xustiza e se xulgue os asasinos de Bello.
Dereitos Humanos de Filipinas ve no asasinato de Diego Bello unha execución extraxudicial e o BNG pide máis presión sobre Manila

A Comisión de Dereitos Humanos abriu unha investigación independente arredor do asasinato de Bello e a súa principal conclusión é que  “a policía disparou deliberadamente a matar” o cidadán coruñés  sen que existisen indicios de que este, contra o que sostén o xefe do operativo policial filipino, fose armado no momento do tiroteo nin de que, por tanto, disparase primeiro, o que desbarata a tese de Manila de que os axentes actuaron en defensa propia.

Esta organización de salvagarda dos dereitos humanos entende que tampouco se sostén o retrato que a policía filipina fai de Bello como narcotraficante. De feito non figuraba na relación de persoas relacionadas co tráfico de estupefacientes do concello de Barangay.  Tampouco existía ningunha causa xudicial aberta contra el, quen, porén, si fora obxecto de ameazas de morte, en 2019, por parte do gobernador das Illas Camarines del Sur, Miguel Villafuerte.

A Comisión enviou o informe cos resultados da súa investigación ao cónsul de España en Filipinas, ben como ao propio xefe de policía e á Oficina Nacional de Investigación e ao Defensor do Pobo do arquipélago asiático.

O BNG ve no informe unha nova proba da inocencia de Diego Bello e da necesidade de impulsar accións políticas que restauren a súa honorabilidade e depuren as responsabilidades polo seu asasinato. O Bloque promoverá iniciativas ao respecto no Concello e no Congreso, encamiñadas a que se intensifique a presión política por parte do Estado español para que se faga xustiza.

“O informe é demoledor”, xulga Francisco Jorquera. “Á vista do informe fica claro que estamos perante un auténtico asasinato, como desde un principio afirmaron a familia e as amizades de Diego, e fica en evidencia tamén que a versión policial a respecto das suposta vinculación de Diego co narcotráfico non se sostén e é absolutamente falsa”.

“Nós como BNG desde logo imos impulsar iniciativas quer no Concello quer no Congreso dos Deputados”, avanzou Jorquera, para o Goberno do Estado español aumentar a presión política sobre Manila, de xeito que o crime de Diego Bello non fique sen castigo. “Non imos parar até que se depuren todas as responsabliidades, até que haxa de verdade xustiza para Diego", conclúe.

 

 

 

 

 

 

 

Dereitos Humanos de Filipinas ve no asasinato de Diego Bello unha execución extraxudicial e o BNG pide máis presión sobre Manila