Se Defensa vende o solar do cuartel da Agrela é porque así llo permitiu o Goberno local

Se Defensa vende o solar do cuartel da Agrela é porque así llo permitiu o Goberno local

A Coruña, 18 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG sinala que si se venden os terreos do Cuartel de Agrela é porque o Goberno municipal o consinte e está conforme, pois o Ministerio de Defensa fai o que lle deixa facer o Goberno local.

Así, lembran as nacionalistas, que o convenio urbanístico entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa de 15 de xullo de 2009 falaba que o cuartel de Agrela tiña unha superficie de 75.628,30 m2 do cuartel de Agrela, dos que 50.325 m2 (o 66,54%, as 4/6 partes) foran cedidos polo Concello a Defensa para “fins estritamente militares”. No devandito convenio consta unha resolución do Ministerio de Defensa de 29 de abril de 2009 pola que a área deses 75.628,30 m2 é desafectada e declarada inalienábel. Unha vez desafectada, salienta o BNG, o Concello da Coruña tiña dereito á reversión dos terreos cedidos, é dicir, dos 50.325 m2. Mais deixou pasar o prazo de solicitude da reversión, que foi de catro anos a partir da desafectación, e que rematou o 29 de abril deste ano. Por tanto, o Goberno do sr. Negreira consintiu esta situación ao non solicitar a reversión, malia que o BNG lle advertiu reiteradamente desde agosto de 2012 para que a solicitase.

Alén disto, as nacionalistas lembran que tal e como figura no convenio urbanístico asinado entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa o 15 de xullo de 2009, o ministerio non pode enaxenar os terreos sen a conformidade previa do Concella da Coruña aos pregos da poxa pública dos mesmos. Ten que contar coa aceptación previa por parte do concello das condicións de venda. Así, se se pon en venda, sinalan as nacionalistas, será porque conta co visto e prace do Goberno do sr. Negreira.

O convenio é claro na súa cláusula cuarta, que di:

Una vez vigente la Revisión del PGOM en trámite, el Ayuntamiento de A Coruña y la Gerencia de Infraestructura y Equipamiento de la Defensa se obligan a enajenar, mediante subasta pública, los aprovechamientos lucrativos susceptibles de materializar en la finca de 44.655,15 m2, en las condiciones establecidas en la Estipulación Segunda.

A tal efecto, la Gerencia de Infraestructura y Equipamiento de la Defensa, conforme a su legislación específica, tramitará el expediente de enajenación de la propiedad anteriormente indicada, previa la aceptación por el Ayuntamiento de A Coruña de los correspondientes Pliegos de Prescripciones Técnicas y Administrativas de la subasta pública.

Melloras das condicións urbanísticas a Defensa que o PP tratou de agachar

No pleno de xullo de 2013, a través dunha pregunta oral, o Grupo municipal do BNG puxo de manifesto, máis unha vez, que o Goberno municipal mellorou as condicións urbanísticas a Defensa no polígono do cuartel Agrela, incrementándolle a edificabilidade deste polígono nun 31,24 por cento e suprimindo as reservas para equipamentos públicos, logo de aceptar as alegacións formuladas polo Ministerio de Defensa ao PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009.

Así, grazas aos cambios acometidos polo Goberno municipal do sr. Negreira, a edificabilidade do polígono pasou dos 71.452,68 m2 do PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009 aos 93.775 m2 do PXOM publicado o 9 de xullo deste ano. Ademais,o PP tamén aceptou suprimir a reserva de equipamento local que, cunha superficie de 9.720 m2, se fixaba no PXOM aprobado inicialmente.

Se Defensa vende o solar do cuartel da Agrela é porque así llo permitiu o Goberno local