FÁBRICA DE ARMAS

Defendamos os postos de traballo da antiga Fábrica de Armas

Avia Veira falando con Xabier Rioboo, presidente do Comité de Empresa de Hércules de Armamento
Avia Veira falando con Xabier Rioboo, presidente do Comité de Empresa de Hércules de Armamento

Participamos da concentración convocada polo cadro de persoal de Hércules de Armamento

Amosamos a nosa solidariedade coas traballadoras e cos traballadores da antiga Fábrica de Armas que presentaron un escrito na Xefatura Territorial da  Consellaría de de Emprego e Industria solicitando unha reunión co Conselleiro para a elaboración e posta en marcha dunha Plan que garanta os 155 empregos a día de hoxe aínda existentes

Estivemos apoiando as traballadoras e aos traballadores da antiga Fábrica de Armas para que de xeito urxente Francisco Conde as reciba e demandamos publicamente, tal e como xa fixemos no seu momento no Parlamento galego a través dunha Proposición non de lei, instar á Xunta de Galiza a desenvolver cantas accións sexan necesarias para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo elaborando un plan que defenda a actividade industrial 

Defendamos os postos de traballo da antiga Fábrica de Armas

Participamos na concentración convocada esta mañá polas traballadoras e polos traballadores de Hércules de Armamento, antiga Fábrica de Armas, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza previa á presentación dun escrito do Comité de Empresa no que se require unha reunión co Conselleiro de Emprego e Industria para lle solicitar que a Xunta elabore e posta en marcha dun plan que garanta os 155 empregos a día de hoxe aínda existentes.

Momento da concentración das traballadoras e traballadores de Hércules de Armamento

Deste xeito, a nosa concelleira Avia transmitiulle ao presidente das representantes das traballadoras e dos traballadores, Xabier Rioboo, a disposición do BNG a dar traslado das súas demandas así como apoiar a súa iniciativa esixindo do Conselleiro que se reúna de xeito urxente para recoller de primeira man as súas demandas

E é que as traballadoras e os traballadores lembran, no escrito presentado, que até xa en 3 veces anteriores teñen solicitada unha reunión con Francisco Conde, titular da Consellaría, sen ter recibido resposta até o momento.

"Estamos hoxe aquí apoiando as traballadoras e aos traballadores da antiga Fábrica de Armas para que de xeito urxente Francisco Conde as reciba e demandamos publicamente, tal e como xa fixemos no seu momento no Parlamento galego a través dunha Proposición non de lei, instar á Xunta de Galiza a desenvolver cantas accións sexan necesarias para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo elaborando un plan que defenda a actividade industrial”, explicaba Avia tras falar con Xabier Rioboo.

Por último, lembramos que son varias as iniciativas que temos trasladado ás distintas institucións, nomeadamente ao Parlamento galego, e nas que se demanda unha implicación decidida da Xunta de Galiza e nas que precisamente se denunciaba o abandono á súa sorte da Consellaría e da propia Xunta á antiga Fábrica de Armas.

A Coruña, 9 de febreiro de 2017