O TEXTO, PROPOSTO POLO BNG; RECOLLE AS DEMANDAS DA AGRUPACIÓN DE MARISQUEO A PÉ DA CONFRARÍA CORUÑESA

O Concello fai unha Declaración institucional a prol do urxente comezo da dragaxe da Ría do Burgo

O Pleno do Concello da Coruña fixo esta mañá unha Declaración Institucional a prol da urxente posta en marcha do Plano de Dragaxe e Rexeneración da Ría do Burgo e tamén do establecemento de compensacións económicas para as mariscadoras e mariscadores durante o tempo en que, a consecuencia das obras, non podan desenvolver a súa actividade profesional.
O Concello fai unha Declaración institucional a prol do urxente comezo da dragaxe da Ría do Burgo

A Declaración -que parte da iniciativa política do BNG, trasladada ao resto dos grupos municipais da Corporación- recolle as demandas da Agrupación de Marisqueo a Pé da Confraría de Pescadores da Coruña.

Na Declaración, o Concello manifesta estar plenamente de acordo co colectivo de mariscadoras e mariscadores e fai un emprazamento ás administracións concernidas para se resolveren “coa maior urxencia” todos os trámites e as dotacións orzamentarias “necesarias para a licitación e arranque das obras”.

Do mesmo xeito, pídese que se complete o “procedemento para a inmediata licitación desta actuación”.

“O Concello entende que non se xustifica o retraso no comezo das obras e pide que se solucionen satisfactoriamente todos os aspectos relativos ao plan social e á compensación económica á que, no seu caso, teñan dereito as e os mariscadores de a pé durante o tempo no que, unha vez se inicie a execución do contrato de obras correspondente ao proxecto de dragaxe ambiental, non puideran desenvolver a súa actividade”, conclúe a Declaración.

 

 

 

 

 

O Concello fai unha Declaración institucional a prol do urxente comezo da dragaxe da Ría do Burgo