ESPOLIO DA CIDADE

Débese cambiar o PXOM para preservar os peiraos interiores

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria
Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria

Insistimos na importancia de que se realice a modificación na ordenación dos espazos portuarios para que estes teñan usos sociais ou para a veciñanza e se preserve a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca para así recuperar a fachada marítima ao conxunto da cidade

As noticias que aparecen constantemente estes días nos medios de comunicación a respecto da nosa fachada marítima evidencian a falta dunha proposta de futuro do Goberno da Marea para cos peiraos interiores e a súa incerteza na xestión de como se debe actuar. Levamos avisando desde hai anos que estes peiraos non poden ser vendidos mentres non sexan desafectados, polo que instamos o Executivo local a abordar de vez a reforma do PXOM e preservar os seus usos futuros

Débese cambiar o PXOM para preservar os peiraos interiores

Queremos advertir, tras as distintas publicacións aparecidas nestes últimos días en diversos medios de comunicación, que doutra volta estamos ante a antesala dun novo proceso especulativo, agora a conta dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, xa que logo entendemos que se está a preparar o terreo para o debate sobre a súa venda e os usos futuros que van ter estes espazos.

Así lembramos que o convenio asinado en 2004 estabelece que a obra do Porto Exterior se financiaría en parte cos beneficios obtidos da venda dos peiraos interiores da cidade, de Batería e de Calvo Sotelo, algo que vemos como un pelotazo urbanístico froito dun proceso especulativo a conta de terreos que pertencen á cidade da Coruña, e consideramos que o Porto Exterior se debería ter financiado en base aos orzamentos xerais do Estado, tal e como se ten feito noutras cidades como en Xixón.

Asemade, tamén cabe recordar que os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo aínda non poden ser vendidos, xa que, polo momento, seguen formando parte do dominio público portuario, e para que se poida proceder a súa enaxenación os terreos teñen que ser desafectados, ben excluíndoos do dominio público portuario con ocasión dunha modificación do plan de utilización, ou ben a través dun acordo expreso de desafectación por parte do Ministerio de Fomento-Portos do Estado.

Deste xeito, cremos que a Autoridade Portuaria está a aproveitar a incerteza e a falta dun proxecto político do Goberno municipal ao respecto para comezar a dar por sentada a venda dos peiraos interiores e así consumar o proceso do espolio desta superficie de máis de 64.000 metros cadrados.

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria á esquerda

As noticias que aparecen constantemente estes días nos medios de comunicación a respecto da nosa fachada marítima evidencian a falta dunha proposta de futuro do Goberno da Marea para cos peiraos interiores e a súa incerteza na xestión de como debe actuar. Levamos avisando desde hai anos que estes peiraos non poden ser vendidos mentres non sexan desafectados, polo que instamos o Executivo local a abordar de vez a reforma do PXOM e preservar os seus usos futuros.

E é que para que os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo teñan o uso social ou para a cidadanía é necesario modificar o planeamento urbanístico xa que o que contempla o PXOM actualmente nas súas fichas urbanísticas é a construción de mamotretos de até 10 alturas.

Nos nosos programas electorais de 2011 e 2015 apostamos polos sectores produtivos da cidade, e insistiamos na importancia de que na modificación na ordenación dos espazos portuarios se preserve a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca por ser un motor de xeración de riqueza e emprego importantísima para a nosa cidade.

Que se preserven a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca, se destinen usos sociais e abertos ao pobo da Coruña e que se recupere a fachada marítima á cidade está hoxe en día en mans do Goberno da Marea Atlántica. Será a súa responsabilidade que toda esa superficie no centro da Coruña sexa obxecto de especulación, se venda, e pase a mans privadas de construtoras que moi pouco van mirar polo beneficio da veciñanza e si polos seus petos.

A Coruña, 21 de febreiro de 2017

Artigos relacionados:

Débese cambiar o PXOM para preservar os peiraos interiores