Os datos do paro responden á estacionalidade do emprego e obvian o impacto da emigración

Os datos do paro responden á estacionalidade do emprego e obvian o impacto da emigración

A Coruña, 2 de xullo de 2014- En relación aos datos do desemprego, que apuntan a unha baixada no número de persoas paradas na cidade, o Grupo Municipal do BNG advirte de que estas cifras responden á estacionalidade do emprego, nomeadamente substitución de vacacións e actividades ligadas ao verán, e non recollen o impacto que está a ter a sangría da emigración, pois as persoas que se ven na obriga de emigrar deixan de estar apuntadas como demandantes de emprego.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os datos oficiais do INE sobre a emigración revelan que o 2013 foi o ano en que máis persoas se viron na obriga de deixar Galiza. Así, as cifras oficiais sinalan que no último ano emigraron 27.300 persoas no noso país. Ademais, os datos afirman que a sangría da emigración inicide, sinaladamente, na xente moza. De feito, só no ano pasado, máis de 8.500 mozos e mozas de entre 25 e 34 anos sufriron o drama da emigración.

O Bloque exíxelle ao Sr. Negreira que fuxa das declaracións triunfalistas, de non ser que se alegre do drama da emigración, do carácter estacional do escaso emprego que se crea ou do empobrecemento dos traballadores e traballadoras, que cada vez teñen salarios máis baixos e emprego de moi baixa calidade e de curta duración.

Os datos do paro responden á estacionalidade do emprego e obvian o impacto da emigración