Cultura licitou só dous contratos para actividade cultural en todo o 2014, cun importe de 140.000€

Cultura licitou só dous contratos para actividade cultural en todo o 2014, cun importe de 140.000€

A Coruña, 3 de setembro de 2014.- Tras a concesión do Festival Agra Directo 2014, o BNG sinala que durante este ano a Concellaría de Cultura licitou por procedemento negociado dous únicos contratos, ambos adxudicados á mesma empresa de xestión cultural, a madrileña La Fábrica.

Os contratos adxudicados por Cultura foron o Festival Agra Directo por un montante de 79.860 euros para o desenvolvemento de proxeccións audiovisuais, exposicións, talleres e representacións artísticas en espazos públicos do barrio da Agra do Orzán e o Festival Coruña Films, que por segundo ano consecutivo foi para Notodo Club de Selección Cultural, pertencente a este mesmo grupo empresarial por un total 59.895 euros.

As nacionalistas salientan que no prego de prescricións técnicas un dos obxectivos do Festival Agra Directo é “ Apoiar a creación cultural, con especial atención aos creadores locais e á consolidación das estruturas de apoio á creación e dos circuítos de exhibición do barrio” e sinalan que raro xeito é este de apoiar a creadores e xestores culturais locais cando as únicas licitacións realizadas lévaas unha empresa madrileña.

Non podemos deixar de pensar que ben pouco se valora o noso talento, afirman as nacionalistas, cando o Festival Coruña Films presentáronse catro empresas, tres delas galegas, e para o Festival Agra Directo, cinco empresas, catro delas galegas, mais todo acaba en mans dunha empresa madrileña.

Avultada suma de diñeiro para estes dous festivais mentres se mantén nun contexto de febleza orzamentaria outras actividades culturais e as bibliotecas municipais

Estas actividades culturais, que suman 139.755, van desenvolverse no barrio da Agra durante o último trimestre do ano e segundo recolle o prego de prescricións técnicas do Festival Agra Directo “estas actuacións de dinamización cultural, servirán para mellorar a escasa oferta (sic) de proximidade neste tipo de actividades” . As nacionalistas consideran un xeito curioso de mellorar a oferta cultural mentres a propia concellaría organizadora destas actividades está a reducir os cartos da Biblioteca da Ágora, situada no mesmo barrio, para actividades e compra de materiais, libros, música… Máis unha vez, subliñan as nacionalistas, o Partido Popular empregará unha avultada suma de diñeiro nestes dous Festivais mentres mantén nun contexto de debilidade orzamentaria outras actividades culturais e as bibliotecas municipais, sen esquecer o escasísimo eco da primeira edición de Coruña Films, en absoluto proporcional aos recursos empregados.

Cultura licitou só dous contratos para actividade cultural en todo o 2014, cun importe de 140.000€