CIDADE

Un «Coruña Próxima» afastado das concrecións necesarias que resolvan os problemas da Coruña

Un dos momentos da presentación do «Coruña Póxima" realizado polo Goberno Municipal no teatro Rosalía
Un dos momentos da presentación do «Coruña Póxima" realizado polo Goberno Municipal no teatro Rosalía

Non era sen tempo que xa con 22 meses de mandato se nos presentara un proxecto de cidade, mais o «Coruña Próxima» non deixa de ser unha declaración de intencións, chea de xeralidades que escapa da concreción dos grandes problemas presentes e futuros da Coruña

O proxecto presentado polo Goberno Municipal segue sen aportar propostas concretas e preocúpanos que entre as prioridades presentadas como eixo de traballo para os próximos dous anos non se atopen o Emprego e a Cultura

Lembrámoslle ao Executivo que as propostas que esixe que lle presentemos os grupos da oposición a respecto da Fachada Marítima, a mobilidade e a Área Metropolitana, nós xa as temos realizado e pode consultalas nos nosos programas electorais de 2011 e 2015 e nas numerosas intervencións realizadas en medios de comunicación ou mesmo en achegas presentadas en todas as administración nas que temos representación empezando mesmo polas presentadas no Concello da Coruña

Un «Coruña Próxima» afastado das concrecións necesarias que resolvan os problemas da Coruña

O proxecto presentado onte polo Goberno Municipal, o “Coruña Próxima”, segue sen aportar propostas concretas que dean resposta de xeito pormenorizado aos grandes problemas da cidade, ademais preocúmanos a ausencia, entre as prioridades presentadas como eixo de traballo para os próximos dous anos, dúas áreas tan importantes como o Emprego e a Cultura.

Neste sentido, entendemos que o acto realizado no teatro Rosalía foi unha máis das postas en escena que realiza o Executivo local para falar de xeito xenérico dos asuntos principais que preocupan á veciñanza da Coruña, na senda dos “Dillo Ti” ou “A Porta Aberta”, envoltos en parafernalia mediática, pero que na realidade non serven para concretar solucións ao problemas dos que se falan e sen un obxectivo claro de formas ou prazos para a súa resolución.

Ademais, chama a atención que se faga neste momento unha presentación desta índole. Non era sen tempo que xa con 22 meses de mandato se nos presentara un proxecto de cidade, mais o «Coruña Próxima» non deixa de ser unha declaración de intencións, chea de xeralidades que escapa da concreción dos grandes problemas presentes e futuros da Coruña.

Por outra banda, tamén resulta chamativo que o Goberno municipal nos esixa aos demais grupos municipais que nos posicionmos e que traslademos as nosas propostas sobre os tres grandes temas que nas últimas semanas forman parte do debate político na cidade; a Fachada Marítima, a mobilidade e a Área Metropolitana:

Convidamos ao Executivo a que se lea os nosos programas electorais cos que nos presentaron en 2011 e en 2015 e mesmo repasen toda a bibliografía que se xerou en medios de comunicación ou mesmo en propostas achegadas por nós nas distintas administracións nas que vimos desenvolvendo o noso traballo, xa que logo son tres dos eixos fundamentais onde o BNG ten desenvolto propostas concretas e moito do noso traballo nestes últimos anos.

De feito, na reunión mantida a semana pasada xa lle indicamos que nos temos posicionado publicamente sobre os peiraos e os seus usos, a mobilidade e a Área Metropolitana e xa lle temos trasladado en numerosas ocasións as nosas propostas. É agora o Goberno municipal quen ten que por negro sobre branco as súas propostas concretas para avanzar na resolución destes grandes problemas da cidade e, polo tanto, tócalle agora ao Executivo local deixar as ambigüidades e falar claramente de cales son as súas apostas.

Asemade, e a respecto da premisa da que parte o Executivo local de ser estes os primeiros orzamentos elaborados polo grupo de goberno e dos que vai dispoñer libremente para a súa execución, e que lle permite polo tanto facer esta proposta “Coruña Próxima”, lembrámoslle ao Goberno da Marea que o ano pasado, e independentemente das emendas que introduciron o PP e o PSOE, e como xa se demostrou no informe das 57 actuacións prometidas nos barrios elaborado por nós, de moi pouco serven uns orzamentos se non se xestionan e non se executan, polo que tan importante é telos elaborado e aprobados, aínda que están en fase provisional, como de levalos a cabo e garantir que se destinan para o que se proxecta.

Neste contexto recordamos que existe o compromiso público do alcalde, realizado no Pleno da cuestión de confianza, para a incorporación das achegas realizadas durante o proceso de negociación dos orzamentos.

Aínda estamos agardando que desde o Goberno municipal se nos indique como e cando se van incluír as nosas achegas á proposta de orzamentos. Ese compromiso público faremos que se respecte e que teña unha data concreta, polo que esiximos que se dea xa unha resposta de como pensan ser incorporadas.

A Coruña, 21 de marzo de 2017