ESPOLIO DA CIDADE

Unha consulta popular a iniciativa de entidades sociais. Para cando a aprobada no Pleno?

O noso responsábel Local Manel Méndez xunto con membros da A.VV da Cidade Vella e a Cadeco diante dunha das mesas de votacións
O noso responsábel Local Manel Méndez xunto con membros da A.VV da Cidade Vella e a Cadeco diante dunha das mesas de votacións

Felicitamos á A.VV. da Cidade Vella e á Comisión Aberta en Defensa do Común pola convocatoria da consulta popular que se celebrará ao longo desta fin de semana a respecto dos terreos da Maestranza

Lembrámoslle, do mesmo xeito, o Goberno municipal da Marea Atlántica que segue sen cumprir a moción aprobada en Pleno que instaba a convocar unha consulta popular polos terreos portuarios e exíxenlle que poña unha data de xeito inmediato

Unha consulta popular a iniciativa de entidades sociais. Para cando a aprobada no Pleno?

Vimos de felicitar á A.VV. da Cidade Vella e á Comisión Aberta en Defensa do Común pola convocatoria nesta fin de semana dunha consulta popular a respecto das preferencias da veciñanza desta zona da cidade para cos terreos da Maestranza, obxecto dunha poxa por parte do Ministerio de Defensa que ven de quedar deserta.

Deste xeito, parabenizamos a iniciativa de ambas entidades que ao longo destes días preguntarán ás persoas censadas na nosa Cidade Alta se están de acordo coa devolución de balde destes terreos ao Concello da Coruña para destinalos a zona verde e equipamentos públicos.

Durante toda a fin de semana, persoas sen ningún outro interese que o ben común e a defensa do público, sacrificarán o seu tempo de ocio para lle facilitar ao conxunto da veciñanza da Cidade Vella que exprese a súa opinión, en quendas de mañá e de tarde. Estamos a observar como a iniciativa e o dinamismo social está superando, por moito, á parálise e a inacción que o Goberno municipal ten a respecto da defensa dos terreos que son de todas e de todos.

Neste sentido, hai que lembrar que aínda está pendente o cumprimento da moción aprobada en Pleno en marzo de 2017 pola que se acordaba celebrar unha consulta popular sobre os terreos dos peiraos interiores da Coruña e exiximos ao Goberno da Marea Atlántica que poña unha data de xeito inmediato para celebrala.

Preguntámonos que tivera acontecido se esta consulta xa se tivera celebrado. E mesmo preguntámonos se se tivera asinado o protocolo entre Autoridade Portuaria, Portos do Estado Xunta de Galiza e Ministerio de Fomento despois de que a maioría da veciñanza da Coruña se tivera posicionado publicamente nesa consulta. A esta altura, e despois de case un ano e tres meses, é evidente que o Goberno municipal non está polo labor de realizar a consulta popular malia ser o asinante da moción e votar a favor dela naquel Pleno. As renuncias do Goberno da Marea Atlántica están provocando que o Partido Popular estea condicionando o futuro da fachada marítima da Coruña, algo que como xa anunciamos o pasado mércores na rolda de prensa que realizamos xunto coa nosa Portavoz nacional Ana Pontón (podes vela integra premendo aquí), trataremos de impedir no Parlamento galego coa formulación desa «fronte común» para que Fomento pague o Porto Exterior e non se hipoteque o futuro da nosa cidade especulando cos terreos desafectados dos peiraos interiores.

Por último, queremos facer un chamamento á veciñanza da Cidade Alta a participar da consulta que está a levar a cabo a A.VV. da Cidade Vella e a Cadeco, e lembramos que as mesas estarán colocadas tanto pola maña como pola tarde destes tres días en diversos puntos da propia Cidade Alta.

A Coruña, 18 de maio de 2018.

 

Artigos relacionados: