ESPOLIO DA CIDADE

Por que construír vivendas en San Diego cando temos toda unha infraestrutura xa montada?

Estación de San Diego cos peiraos ao fondo
Estación de San Diego coas instalacións portuarias detrás

As prioridades en San Diego non pasan polo uso residencial senón por ser o lugar onde se artelle un verdadeiro transporte metropolitano por vía ferroviaria e marítima

Na modificación do planeamento urbanístico do porto interior debe apostarse pola súa promoción, o seu uso mixto, a creación de novas actividades e a súa preservación para o fomento económico como lugar de actividade comercial e de pesca que xera riqueza

Lembramos a nosa postura radicalmente en contra de que o porto exterior se financie a través da venda de patrimonio publico, ou sexa do que é de todas e todos, independentemente de quen o merque, e, polo tanto, sempre nos amosaremo contrarios á compra da Solana por 1,4 millóns á Autoridade Portuaria xa estes cartos irían destinados, tal e como denunciabamos xa en 2014, a financiar a débeda do ente portuario pola construción de Punta Langosteira

Por que construír vivendas en San Diego cando temos toda unha infraestrutura xa montada?

Despois das declaracións realizadas polo alcalde Xulio Ferreiro, a respecto a posibilidade da construción de vivendas no peirao de San Diego, entende que as prioridades deste peirao non pasan polos usos residenciais senón por ser o lugar onde se artelle un verdadeiro transporte metropolitano por vía ferroviaria e marítima.

Neste sentido, cabe lembrar que no noso programa electoral #TodasAsCoruñas xa faciamos a proposta de complementar simultaneamente á estación intermodal de San Cristovo con San Diego, e aproveitar as súas vías e toda a infraestrutura hoxe en día existente para crear unha rede de transporte ferroviario de proximidade, entendendo que a comunicación entre ambas infraestruturas como completaría e abrindo un novo escenario de mobilidade para a cidade e a súa contorna metropolitana, asemade, tamén, de servir de espazo onde apostar polo transporte marítimo coa promoción dun servizo público metropolitano de transportes marítimos polas vías navegábeis do Golfo Ártabro.

As declaracións do alcalde a respecto dos peiraos de San Diego xa dan por sentada como un opción máis que posíbel a construción de vivendas en San Diego algo que responde a un modelo de cidade antagónico ao que nós defendemos sobre todo, tendo en conta que estamos nunha cidade con máis de 20.000 vivendas baleiras.

Por outra banda, entendemos que na modificación do planeamento urbanístico é prioritario preservar o porto interior como lugar de fomento económico e de actividade comercial marítimo-pesqueira, xeradora de riqueza. Así, toda esta zona portuaria debería ter un uso mixto, xeradora de novas actividades e mantendo aquelas que non podan ser desenvolvidas no porto exterior.

Deste xeito, volvemos reiterar a nosa postura radicalmente en contra de que o porto exterior se financie a través da venda de patrimonio publico, ou sexa do que é de todas e todos, independentemente de quen o merque, e, polo tanto, amosámonos contrarios á compra da Solana por 1,4 millóns á Autoridade Portuaria xa estes cartos irían destinados, tal e como denunciabamos xa en 2014, a financiar a débeda do ente portuario pola construción de Punta Langosteira.

A Coruña, 14 de marzo de 2017

Por que construír vivendas en San Diego cando temos toda unha infraestrutura xa montada?