Sobre a condena ao concello pola urbanización do Parrote

O grupo municipal do BNG quer avaliar a sentenza condenatoria ao concello da Coruña polas obras de urbanización do Parrote.
Sobre a condena ao concello pola urbanización do Parrote

“Estamos ante unha hipoteca, froito dunha decisión do goberno Negreira, do goberno do PP. Con frecuencia decisións adoptadas por un executivo municipal acaban por condicionar a acción dos gobernos sucesivos. É o que acontece neste caso”, valora Francisco Jorquera.

Perante ao impacto económico da condena —1,6 millóns de euros a pagar polo concello—, o voceiro nacionalista xulga que representa un “custo importante para as arcas municipais” polo que, dado que “a sentenza aínda non é firme”, sería ben que “o goberno municipal estude a presentación dun recurso”.

Polo demais, enfatizou Jorquera, “desde o BNG queremos denunciar unha situación que nos parece escandalosa”, di en alusión a que a propiedade dos terrenos desafectados pola Autoridade Portuaria continúa sen ser transferida a María Pita. “É un escándalo que o concello corra cos gastos do mantemento da Mariña e que a Autoridade Portuaria se resista a que ese solo se incorpore ao inventario de bens municipais”, afirma.

“Demandamos” , engade o portavoz do BNG, “que dunha vez por todas eses terrenos pasen a ser propiedade do concello da Coruña”.