FRANCISCO JORQUERA, NA COMISIÓN DE DEPORTES

O Concello debe tomar medidas para manter o emprego nas Escolas Deportivas Municipais

O portavoz do BNG en María Pita Francisco Jorquera instou este xoves o Goberno Local a que tome medidas para garantir a continuidade do servizo das Escolas Deportivas Municipais, prestado en réxime de concesión pola empresa Amartya, e para asegurar dese xeito o mantemento de todos os postos de traballo.

O Concello debe tomar medidas para manter o emprego nas Escolas Deportivas Municipais

O voceiro nacionalista fixo este emprazamento ao Executivo coruñés durante a reunión que esta mañá mantivo en María Pita a Comisión de Deportes.

"Perante a crise da Covid-19, no Concello os distintos grupos acordamos que non se suspendese ningún contrato con concesionarias, co obxectivo de evitar a destrución de emprego", relata Francisco Jorquera. "Cal é o problema con Amartya? Que a fin de mes vence a prórroga do contrato, polo que, se non se fai nada, isto pode acabar derivando na perda de postos de traballo", alerta o portavoz do BNG.

Ante esta situación, o Concello, "se ten vontade política", si dispón de ferramentas para, mentres non licitar un novo contrato, garantir que Amartya continúe a prestar os seus servizos e asegurar así que as traballadoras e os traballadores manteñan os seus empregos. "A Covid-19", argumenta Jorquera, "non pode provocar que se suspenda o funcionamento do servizo de deportes desta cidade. Hai moitas tarefas por facer. Hai que planificar a próxima campaña, en que van consistir as escolas deportivas o vindeiro curso, ver como se adaptan á nova situación. Por tanto, precisamos do normal funcionamento do servizo e da experiencia e saber facer das traballadoras e dos traballadores". 

O Concello debe tomar medidas para manter o emprego nas Escolas Deportivas Municipais