ISLAMOFOBIA

O Concello da Coruña albergará os chamados “grupos locais” xestionados polo Citco?

Varias mulleres con hiyab paseando pola rúa
Varias mulleres con hiyab paseando pola rúa

Preguntaremos no próximo Pleno sobre a implantación na Coruña dos chamados “grupos locais” do Citco que o Ministerio de Interior está a constituír no Estado español

Amosamos a nosa preocupación pola creación de ficheiros de datos persoais fora do marco legal para os que non existen medios de acceso, rectificación e cancelación das persoas afectadas, sen control das cesións e transferencias previstas para terceiros

Entendemos que a creación destes grupos, chamados eufemisticamente preventivos, e que precisan da necesaria colaboración dos concellos para involucrar a axentes de varios sectores sociais na denuncia de persoas ou entidades que experimenten presuntos procesos de radicalización, non son se non que outra forma de control e vixilancia, fora de calquera marco legal e baixo unha actuación de moi dubidosa ética, que ampara o racismo, a xenofobia e a islamofobia

O Concello da Coruña albergará os chamados “grupos locais” xestionados polo Citco?

Vimos de presentar para o vindeiro Pleno unha batería de preguntas (preme aquí para velas) referidas a posíbel implantación na cidade da Coruña dun chamado “Grupo Local” xestionado polo Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (Citco).

En pasadas semanas, o ministro do Interior Juan Ignacio Zoido informou da implantación de “grupos locais de loita contra a radicalización”, que teñen a súa orixe no sistema “Stop Radicalismos” que desde o Ministerio se está a desenvolver no conxunto do Estado.

Segundo o propio ministro, este sistema ten por obxecto facilitar as vías de contacto para que os cidadáns poidan comunicar datos que alerten sobre posíbeis casos de radicalización, e, no caso que nos ocupa, a implantación do grupo local no concreto para a Coruña, será activado en colaboración co Concello, sempre co obxectivo de involucrar a axentes de varios sectores sociais na denuncia de posíbeis persoas ou entidades que experimenten presuntos procesos de radicalización. A nós isto preocúpanos xa que logo se crean ficheiros de datos persoais fora do marco legal para os que non existen medios de acceso, rectificación e cancelación das persoas afectadas, sen control das cesións e transferencias previstas para terceiros.

Todos estes ficheiros se establecerán sen control, sen garantías para evitar a súa divulgación e o seu período de conservación para toda esta información ou, no peor dos casos, coa posíbel proliferación de denuncias falsas ou infundadas ao prevalecer o carácter anónimo de calquera denuncia que se traslade a este Grupo Local que se establecera na nosa cidade.

É por todo isto que dada a necesaria colaboración do Concello, preguntamos ao Goberno municipal se ten información a respecto da constitución deste Grupo Local das características mencionadas na cidade, e que o Ministerio do Interior realiza no conxunto do Estado, se participará desta iniciativa e, no caso de non participar, cales serían as actuacións do Executivo local ao respecto.

Entendemos que a creación destes grupos, chamados eufemisticamente preventivos, e que precisan da necesaria colaboración dos concellos para involucrar a axentes de varios sectores sociais na denuncia de persoas ou entidades que experimenten presuntos procesos de radicalización, non son se non que outra forma de control e vixilancia, fora de calquera marco legal e baixo unha actuación de moi dubidosa ética, que ampara o racismo, a xenofobia e a islamofobia.

A Coruña, 2 de maio de 2017

O Concello da Coruña albergará os chamados “grupos locais” xestionados polo Citco?